A comida que se tira alimentaría 500 millóns de persoas

A FAO chama a comunidade internacional a controlar esta tendencia como paso fulcral na loita contra a fame, e responsabiliza directamente o consumo excesivo dos países enriquecidos. Entrementres 1.500 millóns de persoas teñen problemas de sobrepeso, outros 868 millóns lidan coa desnutrición

A terceira parte da comida que se produce no mundo desperdíciase. Porén, tal volume de alimentos abondaría para dar de comer a 500 millóns de persoas sen exercer presión adicional sobre os recursos naturais. O dato deuno o director xeral da FAO, a axencia das Nacións Unidas para a alimentación e a agricultura, José Graciano da Silva, na inauguración da palestra bienal de Terra Madre, en Italia. Instou a comunidade internacional a frear esta tendencia como paso fulcral na loita contra a fame.

Os datos de Nacións Unidas apuntan que entrementres 1.500 millóns de persoas teñen problemas de sobrepeso, outros 868 millóns lidan coa desnutrición. Na liña, da Silva sinalou os países enriquecidos como culpábeis directos do desaproveitamento dos alimentos, subliñando a súa tendencia ao sobreconsumo.

Ao entender do responsábel da ONU, as cifras antes sinaladas reflexan á perfección o gran contraste que se produce no planeta, causa principal da pobreza: unha distribución desigual dos alimentos, da riqueza e das oportunidades. Chama a atención, por exemplo, que as responsábeis da produción da comida, as mulleres, que representan o 70% da man de obra agrogandeira, sexan as primeiras afectadas pola desnutrición e teñan en propiedade menos do 1% das terras.

Máis en Mundo
Comentarios