Sermos Galiza divulgará a importancia de máis de 40 monarcas galegas e galegos

O proxecto de Sermos Galiza S.A. resultou un dos vinte seleccionados pola área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do concurso sobre o Reino da Galiza, ao que concorreron 127 iniciativas. “Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu” é o título da ampla proposta multidisciplinar presentada.

Mapa do reino da Galiza de finais do século XVI ou comezos do XVII elaborado en Amberes por Ioannes Baptista Vrints e Abrahami Ortellii.
photo_camera Mapa do reino da Galiza de finais do século XVI ou comezos do XVII elaborado en Amberes por Ioannes Baptista Vrints e Abrahami Ortellii.

A través de catro amplas liñas de acción desenvolverá Sermos Galiza S.A. o proxecto “Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu”, un dos 20 seleccionados pola área de Cultura da Deputación da Coruña, dirixida polo deputado Xurxo Couto, no concurso que ten como obxectivo a difusión e valorización dun período histórico aínda non o suficientemente coñecido para a meirande parte das galegas e galegas.

Precisamente, a área de Cultura do ente provincial, no marco do Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22", busca contribuír a "combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval da Galiza", entendendo que a sociedade actual "precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor" e para "poder pensarse con máis capacidade cara ao futuro".

Así, a iniciativa que levará a cabo Sermos Galiza S.A. nos próximos meses, da man dos investigadores Alexandre P. Vigo, Héitor Picallo e Xosé Ramón Ermida Meilán, permitirá afondar nas vidas e na actividade de máis de 40 monarcas galegos.

Coleccionábel

Unha das vías de traballo en preparación consiste nun coleccionábel de 34 fascículos centrados na difusión dos reis e raíñas do Reino de Galiza, que se publicará entre setembro e outubro canda o exemplar do xornal Nós Diario.

Afondarase nas figuras de Hermerico, Requila, Requiario, Frantán, Remismundo, Carriarico, Ariamiro, Teodomiro, Miro, Eborico, Andeca... até chegar a Afonso V e Xoana de Trastámara, nun interesante percorrido a través de mil anos.

Trinta e catro podcast

Ademais, emitiranse 34 podcast en relación aos contidos do coleccionábel, co fin de divulgalos a través da rede.

Unha acción enfocada especialmente á mocidade, ante a falta de información sobre o Reino da Galiza no currículo educativo actual.

Un Banco de Datos cun foro

O Banco de Datos sobre o Reino da Galiza en nosdiario.gal é outra das actuacións recollidas no proxecto. Trátase de ofrecer información complementaria das raíñas e reis, así como un foro de debate aberto onde as autoras e autores de cada unha das entregas da publicación coleccionábel poderán responder as dúbidas das persoas lectoras.

Entre os recursos que se poderán atopar destacan imaxes dos reis e raíñas, material cartográfico, escudos das dinastías reais e documentos históricos. Sermos Galiza S.A. pretende manter todo este banco de datos de maneira permanente na edición dixital de Nós Diario para contribuír á difusión do Reino da Galiza.

Oito roteiros culturais

A iniciativa impulsada por Sermos Galiza S.A. comprende tamén oito roteiros culturais, vinculados aos monarcas. Unha maneira lúdica de achegarse ao Reino da Galiza mediante o patrimonio histórico. Compostela, O Burgo (Culleredo), A Coruña, Betanzos-Pontedeume, Foz-Alfoz-Mondoñedo, Soutomaior-Mondariz-Tui, Monforte-Palas e Celanova-Ourense-Esgos farán parte da proposta que parte dun enfoque interxeracional.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios