Inscricións abertas para asistir ao primeiro Congreso Internacional sobre o Reino Medieval da Galiza

O Congreso decorrerá entre o 19 e o 22 de setembro en Santiago de Compostela.
Escudo do Reino da Galiza cara ao ano 1500, cos trevos que
precederon a introdución das cruces. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Escudo do Reino da Galiza cara ao ano 1500, cos trevos que precederon a introdución das cruces. (Foto: Nós Diario)

A área de Cultura da Deputación da Coruña abriu esta cuarta feira as inscricións para o Congreso Internacional 'Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval da Galiza' que terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

Asemade, a institución publicou a programación na súa páxina web, na que tamén se facilita o proceso de inscrición "de balde" nos diferentes bloques temáticos das relatorías, as que se pode asistir de forma individual, sen necesidade de acudir a todos. O proceso estará aberto até o vindeiro 10 de setembro. 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, fixo fincapé na importancia deste congreso “por estar enfocado para todo tipo de público interesado na nosa historia medieval, e porque será unha oportunidade única para coñecela desde o rigor científico e académico, desde múltiples perspectivas de estudo, e contextualizada en convivencia con outras culturas”.

Couto lembrou que o congreso está enmarcado na liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña que ten por obxecto socializar e divulgar a historia medieval galega, e que inclúe o Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza convocado a comezos deste ano.

Programa do Congreso

O Congreso comezará o 19 de setembro cunha serie de ponencias. Destaca a de Ramón Grosfoguel, profesor na Universidade de Berkeley (California), experto en Estudos Étnicos, que estabelecerá unha comparativa entre a conquista do reino da Galiza e a conquista de Al-Ándalus. Na mesma liña estará a relatoría de Jaume Sobrequés, da Universidade Autónoma de Barcelona, que exporá un exemplo historiográfico alternativo a través da comparanza entre a historiografía catalana e a española. O Reino Suevo estará tamén de manifesto coa intervención de Pablo C. Díaz Martínez, profesor da Universidade de Salamanca.

No día a seguir, Mariña Bermúdez Beloso, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, trazará un mapeamento para comprender a vertebración da Galiza medieval. De seguido, terá lugar a relatoría de Carlos Andrés González Paz, investigador do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que centrará a súa intervención na socioeconomía agraria da Galiza medieval, enfocándose na viticultura nas terras de Mondoñedo.

O 21 de setembro, o investigador Héitor Picallo aboradará o Reino da Galiza a partir da simboloxía e, en particular, a súa heráldica no contexto europeo. De seguido, a catedrática da USC, Mercedes Brea López falará da lírica trovadoresca galega, nunha intensa xornada que se culminará ás 19.30 horas na igrexa do convento de Santo Domingo de Bonaval co concerto de Resonet, co espectáculo 'Gallecianis resplendet, froito dunha pesquisa sobre a música da Galiza medieval.

No día da clausura, o propio curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira, eminencia galega nos estudos sobre o Reino Medieval da Galiza, traerá á platea unha reflexión sobre o lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios