Botan a andar os 20 proxectos que forman parte do Fondo Reino da Galiza da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña organizou un acto no que participaron representantes das 20 propostas. Entre eles, Alexandre Peres como representante de Sermos Galiza.
Acto de presentación dos 20 proxectos do Fondo Reino da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de presentación dos 20 proxectos do Fondo Reino da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Área de Cultura da Deputación da Coruña organizou na mañá desta quinta feira un acto con integrantes dos equipos que van botar a andar os 20 proxectos que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Reino da Galiza, promovido pola institución.

“Mudar o relato hexemónico”, “construír un novo imaxinario colectivo”, ou “iniciar un camiño de normalización da nosa historia” foron algúns dos obxectivos mencionados polas persoas que esta mañá participaron nesta posta en común das 20 propostas seleccionadas.

A Deputación da Coruña impulsou esta nova liña de traballo centrada na posta en valor da historia medieval galega e e que continuará en setembro co primeiro congreso sobre o Reino Medieval de Galiza que terá lugar no Museo do Pobo Galego.

“Esta nova liña de traballo está baseada en pór en valor a historia que nos é propia” lembrou o deputado de Cultura, Xurxo Couto,  quen cualificou o período medieval “como un dos períodos de máis esplendor e dos máis representativos como pobo, polo que queremos contribuír a dalo a coñecer desde a nosa perspectiva, e superar a visión de como nolo contaron desde fóra”.

O deputado de Cultura aseguroulle a todas e todos os participantes na presentación que “xa de partida estamos orgullosos de todos e cada un dos proxectos seleccionados”, lembrando ademais que o vindeiro ano levarase a cabo unha nova convocatoria para formar parte deste Fondo Reino da Galiza.

Comisión de valoración das propostas

Xurxo Couto estivo acompañado na presentación pola xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat, que explicou cuestións administrativas relativas á xustificación final dos proxectos.

 Aliás, o asesor de Cultura Xavier Campos fixo unha breve introdución sobre o desenvolvemento desta primeira convocatoria do Fondo, facendo fincapé tanto no "elevado" número de solicitudes recibidas (127 propostas) como na calidade das propostas. Campos tamén destacou a variedade de disciplinas presente entre os proxectos presentados e os seleccionados.

Os 20 proxectos seleccionados que se deron a coñecer a en maio foron avaliados e finalmente escollidos por unha comisión de valoración composta por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo

En representación dos 20 proxectos participaron Aser Álvarez de Arraianos Producións, José Expósito de aCentral Folque - Noente Paradise, Manuel Pena de Demo Editorial, Irene Pin de Sirgo Torcendo, Rosa Taboada de Martela Films, Alexandre Peres de Sermos Galiza, Marián Fernández de O Cable Inglés, Zaira Caamaño de Maos Innovación Social, Leonardo González de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, Abraham Carreiro de O Papagaio, Gabriel Penabade de Os Quinquilláns, Miguel Rodríguez da Revista Mazarelos, Fran Rei de Culturactiva, Borxa González de Orgullo Galego, David Miranda de Suseia, Pablo López de Gciencia, Alberte Sánchez, Jorge Juan Costas e Carolina Rubirosa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios