O reino da Galiza volverá florecer da man da Deputación da Coruña

O coleccionábel de Nós Diario "Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu", entre os proxectos gañadores do Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22.
o Reino de Galiza no século XII.
Edición realizada en 1929 por Konrad Miller seguindo a copia de Oxford de 1456.
photo_camera o Reino de Galiza no século XII. Edición realizada en 1929 por Konrad Miller seguindo a copia de Oxford de 1456.

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de anunciar a lista de proxectos gañadores do Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22.

Das máis de 127 solicitudes presentadas nesta primeira edición, foron finalmente 20 os proxectos premiados.

Entre eles, destaca o coleccionábel de Nós Diario "Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu", composto de 34 fascículos, 34 episodios de 'podcast', un Banco de Datos sobre o Reino da Galiza, que estará dispoñíbel na edición dixital do xornal, e a elaboración e deseño de 8 rotas culturais e turísticas sobre a monarquía galega.

A institución destaca que todas as iniciativas do proxecto de Nós Diario "baséanse na investigación dun dos aspectos máis descoñecidos do reino galego: as dinastías rexias que o gobernaron entre o ano 409 e finais do século XV".

Fondo Reino da Galiza

O responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, explicou que o obxectivo do Fondo Reino da Galiza é "Contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval da Galiza".

Couto destacou que o elevado número de solicitudes de "alta calidade" e con "diversidade de enfoques e formatos" mostra a "existencia un tecido cultural moi interesado en crear contidos e produtos relativos ao período medieval galego".

“Estamos xa coa mirada posta nunha segunda edición, que contemplaremos no orzamento do vindeiro exercicio”, engadiu.

A comisión de valoración que escolleu os 20 proxectos gañadores estivo conformada por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo,ademais do propio Xurxo Couto

Comentarios