O Reino da Galiza, nova liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña

O Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22 da área de Cultura da Deputación da Coruña contará cun total de 250.000 euros para socializar o coñecemento sobre a historia medieval galega a través de audiovisuais, merchandising, produtos propios da ‘cultura pop’ actual, intervencións de cultura urbana, libros ou discos.
Xurxo Couto e Xabier Campos, na rolda de prensa de presentación desta liña de axudas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xurxo Couto e Xavier Campos (Foto: Nós Diario).

A área de Cultura da Deputación da Coruña abre en 2022 unha nova liña de traballo que terá o Reino da Galiza e a socialización da historia medieval galega como obxectivo.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o asesor da área, Xavier Campos, veñen de presentar a primeira das iniciativas neste ámbito: o Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22, unha convocatoria que, en palabras de Xurxo Couto, busca "contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval da Galiza".

A través deste Fondo destinarase un orzamento total de 250.000 euros a proxectos en todo tipo de soportes e formatos destinados a empresas e persoas autónomas. De todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de 20 que recibirán unha contía máxima de 12.500 euros cada unha. A convocatoria, que xa foi anunciada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), entrará en vigor nos vindeiros días cando saia publicada na plataforma estatal de subvencións. 

Todos os públicos

"Os galegos e as galegas temos moitos motivos para sentirnos orgullosos e orgullosas da nosa historia medieval pero dificilmente se pode pór en valor algo que non se coñece", asegurou o asesor de Cultura, Xavier Campos, quen insistiu en que "non se trata de xerar contidos meramente académicos e destinados a público interesado previamente, que tamén, senón que queremos chegar a un público moito máis amplo".

Neste sentido, Xavier Campos explicou que "se trata de facer chegar a toda a sociedade que aquí existiu un Reino medieval da Galiza, ao igual que se fixo co Reino de Asturias ou co Reino de León, cuxa percepción social vai máis aló do contexto histórico e está asentado noutros ámbitos como o cultural ou o deportivo".

Do inventio do Apóstolo Santiago á revolta irmandiña

"Sen estudar o Reino da Galiza non é posíbel hoxe comprender a propia existencia e as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do medievo peninsular, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta irmandiña contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real", asegurou Xurxo Couto

A este respecto o deputado indicou que a etapa medieval "é unha das máis relevantes e tamén unha das menos estudadas da nosa historia social e política". Partindo desta premisa, fixo fincapé en que "a sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara ao futuro". Tamén explicou que "esta é unha das épocas máis manipuladas e terxiversadas no relato oficial instalado desde o franquismo".

A convocatoria do ‘Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2021-22’ terá continuidade con novas iniciativas relacionadas co Reino da Galiza que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como en vindeiros anos.

Comentarios