xoves 16/09/21

O Parlamento urxe incoar o BIC de Meirás para que o mobiliario sexa “inseparábeis do pazo”

Os tres grupos con representación na Cámara galega consideran que esa pode ser a vía para evitar que os Franco retiren os elementos do interior do inmoble, tal e como lle permite unha sentenza xudicial. Aliás, a Avogacía do Estado pensa actuar “en breve”, se ben Iniciativa Galega pola Memoria xa lanzou unha convocatoria pública contra “a rapina”.

Vista do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Vista do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Os grupos da oposición no Parlamento, BNG e PSdeG, e o partido de Goberno PP aliáronse hoxe nunha iniciativa que busca evitar “un novo saqueo” de propiedades do pobo por parte dos Franco no pazo de Meirás.

Malia que a Xunta dicía onte que a responsabilidade de actuar é da Avogacía do Estado -e o delegado do Goberno do Estado español na Galiza, José Miñones, indicaba que habería novidades “en breve”-, hoxe as tres formacións instaron ao Executivo galego a incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o complexo, de tal forma que “os bens mobles formen parte inseparábel” del.

Da mensaxe conxunta extráese a loita contra “un novo saqueo” e a necesidade de avisar á familia do ditador da “imposibilidade” de retirar aqueles elementos que non sexan persoais do pazo.

A iniciativa, que foi impulsada polo grupo do BNG e emendada polos populares, tamén pide que a Xunta defenda “a aplicación provisional do réxime de protección previsto para bens de interese cultural a estes mobles”.

Protección especial

As e os achegados do ditador contan cunha sentenza e un prazo dun mes para levar o que consideren oportuno, entre o que xa anunciaron que desaparecerán as estatuas de Abraham e Isaac e outros elementos que foron inventariados como bens do Estado. Mesmo exixiron a eliminación desa listaxe. No entanto, a Cámara insiste en actuar coas “accións xudiciais pertinentes” á fin de que todo quede en mans públicas, agás o que sexa estritamente persoal.

Na proposta do BNG queda estipulado solicitar á Xunta e ao Estado a colaboración en "todas as medidas previstas na lexislación" para "garantir a unidade e a integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás, así como "para impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista".

Adicionalmente, para protexer obxectos especialmente sensíbeis e declarados como de interese cultural, as Estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, demándanse medidas xa.

Malestar coa sentenza

O deputado do BNG, Luis Bará, remarcou que a actuación require “axilidade e contundencia” fronte ao cariz “ideolóxico” do auto da Audiencia Provincial da Coruña, que ve “insultante e indignante”.

En calquera caso, xa se organizan mobilizacións cidadás como a da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que convoca a unha protesta nacional o 19 de xuño para rexeitar “a rapina dos Franco”.

comentarios