A xustiza dá a razón aos Franco: o Estado terá que devolverlles o mobiliario de Meirás e indemnizalos

Os maxistrados deixan aberta a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos móbeis que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.
Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)
photo_camera Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)

A Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña revoga o depósito mobiliario a favor do Estado do Pazo de Meirás, é dicir, determina que a demanda da parcela catastral feita pola Administración non inclúe "mesas, vaixelas, alfombras ou cadros".

Nunha resolución xudicial, estimou o recurso  presentado pola familia Franco, que deberán ser "indemnizados" polos danos e prexuízos que lles puidera ocasionar esta situación.

Nunha resolución xudicial, estimou o recurso  presentado pola familia Franco, que deberán ser "indemnizados" polos danos e prexuízos que lles puidera ocasionar esta situación

Desta forma, fica sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os móbeis e elementos accesorios do pazo de Meirás.

Os maxistrados deixan aberta a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos móbeis que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Ademais, no auto, o tribunal lembra que só as dúas estatuas do Mestre Mateo están catalogadas como Ben de Interese Cultural, á vez que sinala que a Lei de Patrimonio de Galiza "non establece ningunha perda de propiedade civil" por parte dos titulares deses bens polo feito de estar catalogados.

O avogado dos Franco, Luís Felipe Utrera-Molina, trasladou a satisfacción para esta parte e a familia do ditador pola resolución: "Fíxose xustiza".

Sada

O Concello de Sada vén de demandar publicamente da Xunta que de modo "inmediato e urxente" acorde a incoación de expediente de modificación do Decreto 299/2008, de declaración BIC do Pazo, "aos efectos de incluír no seu Anexo a relación de bens móbeis que quedan asociados á categoría de sitio histórico".

O Concello indica que ese acordo de incoación, unha vez publicado no DOG,  "xa outorgaría automaticamente a ditos bens as debidas cautelas para evitar que os Franco podan exercitar o dereito de retirada que o desatinado Auto lles recoñece".

Múltiples reaccións

Ante esta resolución o BNG reclamou á Xunta, a través do deputado Luís Bará, que procure estabelecer por enriba da decisión xudicial a protección que ten o pazo como Ben de Interese Cultural (BIC). Así, podería evitar o traslado dos bens desde Meirás.

Desde o punto de vista do Bloque, o auto da Audiencia Provincial coruñesa ten un "tufo franquista" que xa detectou noutros autos da mesma instancia e que "configuran unha auténtica xustiza ao revés".

O BNG ve "absolutamente delirante" o auto xudicial que obriga a pagar á familia do ditador

"Alúdese a unha incautación por parte do Estado, cando a realidade histórica di que moitos destes bens foron incautados e espoliados, literalmente roubados, pola familia Franco", remarcou Bará. Por iso, parécelles "absolutamente delirante que se estabelezca que deben ser indemnizados".

Pola súa banda, o delegado do Goberno do Estado na Galiza, José Miñones, destacou que a sentenza "non entra na titularidade" dos bens mobles e accesorios, senón que se refire "ao procedemento levado a cabo" para que pasasen a mans públicas.

Hai escasos momentos tamén transcendeu a visión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que declarou que queda por "dilucidar" se todos os elementos "están reclamados ou non". No entanto, non entrou a facer unha valoración máis en profundidade. A mesma liña foi seguida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que considerou "prematuro poder facer unha valoración". En todo caso, afirmou que as esculturas de Abraham e Isaac non perden a consideración de BIC.

Preguntadas pola situación, fontes da Abogacía do Estado comprometéronse a estudar "cales son as accións máis convenientes para evitar o expolio" de todos os bens contemplados no auto que transcendeu hoxe.

Comentarios