A Avogacía do Estado actuará “en breve” ante a inminente retirada de bens do pazo de Meirás

A Xunta afirma que a responsabilidade de iniciar unha declaración BIC que protexa os elementos é do Goberno español. Mentres Iniciativa Galega pola Memoria segue a sumar apoios para unha concentración contra "a rapina" dos Franco o próximo 19 de xuño.
Detalle da decoración de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Detalle da decoración de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O delegado do Goberno do Estado español na Galiza, José Miñones, afirmou hoxe que o han “defender” o que consideren “que é do Estado” fronte á intención da familia Franco de retirar todos os bens mobles do pazo de Meirás, mesmo as estatuas de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo.

Preguntado polos medios de comunicación ao respecto do seu parecer ante a sentenza xudicial que deixa vía libre á familia do ditador para levar os obxectos que hai no complexo, Miñones asegurou que “en breve” haberá unha resposta clara da Avogacía do Estado.

De momento está “a traballar no asunto” para ver se hai posibilidade de abrir algunha vía xudicial.

O delegado recoñeceu que existe unha “preocupación conxunta” da Xunta e do Estado por aclarar que se pode facer após este golpe. “Hai que agardar a que a Avogacía do Estado traslade ese traballo que está a facer”, incidiu.

En calquera caso, Miñones quixo deixar claro que o Executivo español “non está parado”.

A Xunta, pola súa banda, tiña pasado a responsabilidade de actuar á equipa de Pedro Sánchez, pois segundo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, é a súa competencia “reclamar ou iniciar unha declaración BIC”.

Ante esta falta de actuacións inmediatas e rotundas, a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) xa convocou unha manifestación nacional na Galiza para loitar contra “a rapina” dos Franco, que ven  auspiciada pola Xustiza. Así invitan á sociedade civil a concentrarse o próximo 19 de xuño.

Comentarios