mércores 19/05/21

Loita popular contra "a rapina" dos bens de Meirás por parte dos Franco

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) fai un chamamento á cidadanía para acudir a unha mobilización de protesta pola sentenza xudicial en favor da familia do ditador -e as peticións desta- que decorrerá o 19 de xuño.

Acceso ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
Acceso ao pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

O enfado, a indignación e a incomodidade medra na sociedade galega após os últimos pasos da familia Franco, apoiada por unha sentenza xudicial, para retirar os bens do interior de Meirás, malia que algunhas sexan froito do “espolio” do franquismo, segundo persoas expertas, e que xa haxa elementos que teñen figuras de protección pública como as figuras de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo.

Como proba desa contestación social ao auto e á actitude das e dos achegados do ditador tras a devolución -aínda sen ratificar- do pazo de Meirás ao pobo, persoas e entidades de defensa da memoria comezan a organizarse para intentar impedir que desaparezan propiedades que consideran colectivas.

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) sen ir máis lonxe vén de convocar a galegas e galegos a unha loita pacífica polo complexo situado en Sada. O que fai é instar “á sociedade civil a defender Meirás diante da rapina dos Franco”.

Quer colectivos da memoria, quer asociacións culturais e entidades da máis variada índole queren responder “á ameaza dun novo espolio do pazo despois de que a xustiza española concedese permiso á familia do ditador para retirar bens móbeis xa catalogados de Meirás, que goza da protección de Bens de Interese Cultural (BIC).

En consecuencia, veñen de fixar a data do 19 de xuño para levar a cabo unha mobilización nacional en defensa de Meirás. Hai esperanza de que esta acción supoña “levantar unha fronte de oposición á decisión da xustiza española de consentir que os Franco poidan perpetrar un último espolio en Meirás”.

De cara a esa cita, o grupo IGM, do que son voceiros os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, procura novas adhesións por todo o país, pois xa antes foi a cidadanía a que pelexou de base pola recuperación do edificio. 

Fronte á "pasividade" da Administración pública

Segundo explican desde o colectivo, iniciaron este novo reto dada a "pasividade do Estado e da Xunta da Galiza, que aínda non foron quen de contestar esa decisión” da Xustiza, que mesmo fornece un mes para que se retire todo o que se queira levar.

Fontes da entidade exixen aos poderes públicos que respondan xa á polémica sentenza e interpretación da propiedade por parte dun xulgado coruñés. E nace para esixir dos poderes públicos que respondan

“O Estado debe establecer con carácter inmediato unha estratexia que permita devolver agora e no futuro aqueles bens que figuran en diferentes inventarios confeccionados a instancias xudiciais”, din.

A Xunta, na súa opinión, tería que aproveitar como anexo á Declaración BIC do Pazo de Meirás, “o inventario de bens mobles e vinculalos á categoría de protección da que goza na actualidade o espazo como Sitio Histórico”. Un listado que, por certo, os Franco pediron que fora destruído.

comentarios