BNG e PSdeG exixen Feixoo que inicie os trámites para evitar que os Franco "espolien" os bens de Meirás

Os partidos da oposición amosaron esta cuarta feira a súa disconformidade coa sentenza que obriga ao Estado a devolver á familia do ditador os bens que garda o complexo no seu interior, así como a indemnizala. Estas reaccións súmanse ao grande malestar que se deixou sentir onte desde diversos ámbitos. Hoxe o Concello de Sada volveu insistir en que hai que aclarar canto antes a propiedade dos elementos en cuestión.
Momento no que a chave de Meirás pasou á Avogacía do Estado. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
photo_camera Momento no que a chave de Meirás pasou á Avogacía do Estado. (Foto: M.Dylan / Europa Press)

Nin a Administración local, nin diversas entidades nin os grupos da oposición queren deixar ir os bens do pazo de Meirás a pesar de que a sentenza trasladada onte pola Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña, que revogou o depósito do mobiliario nas mans da Avogacía do Estado.

Cun malestar crecente, a líder do principal grupo da oposición, Ana Pontón, demandou á Xunta e ao Estado que se poñan “a traballar” xa mesmo para que a familia Franco non poida “espoliar” os bens que hai no inmoble, pois unha gran parte parecían saídos do patrimonio do Estado cando transcenderon imaxes do interior do complexo coincidindo coa entrega das chaves á Avogacía do Estado.

Pontón considera que o auto foi unha “labazada á dignidade do país, á memoria das vítimas e a todas as persoas que loitan para recuperar un pazo que foi un espolio”.

Desde o seu punto de vista, resulta “indignante” que a sentenza tamén recolla unha indemnización para a familia do ditador, “que estivo ocupando de forma ilegal un ben que é público”.

“Non se pode aceptar que este sexa o destino nin asumir isto con normalidade”, remarcou, volvendo a falar do “tufo franquista” da resolución e exixindo traballo ás equipas de Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez.

De cara a ese camiño que, ao seu parecer, debería comezar propón ir por “dúas direccións”. Por unha parte, o Executivo galego tería que completar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do complexo cun “anexo no que se detallen os bens que están vinculados co espazo histórico de forma que se impida que poidan moverse” de alí.

En segundo lugar, apostou nunha demanda do Estado para que se aclare quen é o verdadeiro titular dos elementos.

Demanda de medidas cautelares

En paralelo a estas ideas, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, pediu que se solicite unha nova medida cautelar que paralice unha hipotética mudanza do “conxunto patrimonial histórico-artístico” até que haxa claridade sobre a situación. De feito, destacou que o tribunal non repara “na orixe, procedencia ou incluso valor histórico cultural” das pezas que queren os Franco.

Tamén o PSdeG manifestou a súa negativa a asumir o auto a través do viceportavoz no Parlamento, Pablo Arangüena, que afirmou que os socialistas son favorábeis a “reclamar aqueles bens sobre os que exista a posibilidade xurídica de facelo”.

O representante rexeita os elementos da vida doméstica, pero si reclama os bens que foron retirados “ao Estado polo ditador”.

Ademais, aproveitou para vaticinar que “se fora por Feixoo, o pazo seguiría en mans dos Franco”, pois “a única actuación do seu Goberno foi un acordo coa Fundación Franco” para as visitas guiadas que se facían no pazo.

O argumento do Goberno local

Malia que desde o Concello de Sada xa se manifestaran onte ao respecto da nova, hoxe o Goberno municipal instou ao Estado a que interpoña “de forma inmediata un incidente á execución da sentenza para dilucidar a propiedade dos bens inmobles existentes no interior” de Meirás.

Desta forma quedaría claro cales poderían ser retirados e “cales forman parte integrante do inmoble”.

“Resulta inadmisíbel que o auto considere que o feito de que na demanda do Estado non se exercitara unha pretensión específica sobre os bens mobles supoña automaticamente que a totalidade son propiedade dos Franco”, pois isto “non se axusta ao contido da escritura de 1938”.

Xa a última hora desta tarde o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, confiou en que se tomen "as medidas necesarias" para evitar a retirada.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios