O xulgado concede un mes á familia Franco para retirar os bens do Pazo de Meirás

O Concello de Sada anuncia recurso contra dita dilixencia e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que "Xunta e Goberno estatal teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás." 

Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)
photo_camera Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou conceder á familia Franco o prazo dun mes para a retirada "das cousas, bens ou obxectos" que hai no interior do Pazo de Meirás, coa excepción daquelas que eventualmente se atopen nel por ser colocadas polo Estado após tomar posesión do inmóbel.

Ademais, a letrada da Administración de Xustiza, na dilixencia de ordenación, contra a que cabe presentar recurso de reposición, require o Estado para que permita o acceso ao Pazo dos profesionais que designe a familia Franco para poder efectuar a retirada dos bens.

Respecto da petición da parte demandada de que se declare non existente, para todos os efectos, o inventario sobre os bens do Pazo, así como de que se prohiba a súa divulgación, o xulgado outorga ás partes un prazo de dez días para indicar se están conformes con esta solicitude ou presenten alegacións.

A resolución atende á petición feita polo Franco nun escrito presentado polos seus letrados após a Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito mobiliario a favor do Estado.

Sobre os bens existentes, os Franco xa adiantaron a súa vontade de retirar todos, incluídos os declarados como Ben de Interese Cultural (BIC), aínda que neste caso terían que pedir autorización á Xunta.

O Concello de Sada, logo de coñecer a dilixencia do Xulgado, anuncia recurso contra dita dilixencia. Insta Estado e Xunta "ao exercicio das súas competencias para executar cantas accións administrativas e xudiciais procedan para evitar que os Franco ispan o Pazo de Meirás". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou  de "inasumíbel", en termos democráticos, o auto que permite á familia Franco "baleirar o Pazo de Meirás", un ben declarado de Interese Cultura e afirmou que " a Xunta e o Goberno estatal teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás." 

Coa decisión adoptada pola Audiencia da Coruña ao estimar o recurso da familia do ditador -que agora deberá ser "indemnizada" polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación-, ficou sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os móbeis e elementos accesorios do Pazo de Meirás.

Os maxistrados deixaron aberta, no entanto, a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos móbeis que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Comentarios