O Ministerio de Defensa muda os nomes franquistas das rúas do Arsenal de Ferrol após unha denuncia ante a Fiscalía

No seu comunicado, o Colectivo de Presas e Presos políticos de Ferrol na ditadura afirma recibir con ledicia o "cambio de actitude" do Ministerio de Defensa, mais queren que "se fale claramente de eliminación de simboloxía franquista".
Imaxe de arquivo do Arsenal de Ferrol. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo do Arsenal de Ferrol. (Foto: Europa Press)

O Boletín Oficial de Defensa de 18 de marzo recolleu o cambio de nome de nove rúas franquistas do Arsenal Militar de Ferrol, que incumprían a Lei de memoria histórica. En concreto, as rúas que agora terán outra denominación son: Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez e Almirante Honorio Cornejo

A pesar de que a resolución sinala que o Ministerio de Defensa toma esta decisión para "optimizar a eficiencia na organización do Arsenal de Ferrol que permita unha mellor identificación física dos seus diferentes organismos, unidades e servizos", o Colectivo de Presas e Presos políticos de Ferrol na ditadura afirmou que a decisión non foi tomada por vontade propia, senón que pola presión do colectivo.

Segundo afirma a asociación, após o propio Ministerio de Defensa negase en abril de 2021 que fose necesario levar a cabo actuacións para mudar o nome destas rúas, "toma unha decisión política despois de presentar por rexistro o 3 de febreiro de 2022 unha denuncia ante a Fiscalía da Galiza polo reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica polo Ministerio de Defensa, mantendo simboloxía franquista en instalacións dependentes de Defensa, que podería ser constitutiva de delito".

Asemade, o cambio de nome das rúas chegou tres días despois de que o mesmo Colectivo de Presas e Presos políticos presentara por rexistro no Concello de Ferrol un escrito para o alcalde Ángel Mato, "cunha proposta de moción para que Defensa retirase esas rúas do Arsenal Militar"

Eliminación de simboloxía franquista

No seu comunicado, a asociación afirma recibir con ledicia o "cambio de actitude" do Ministerio de Defensa, mais queren que "se fale claramente de eliminación de simboloxía franquista".

Na resolución do Goberno español sinálase que as rúas terán por novos nomes referencias históricas da Armada española. Porén, o colectivo, apoiándose na proposta dun grupo de historiadores, pide que as rúas "recollan os nomes de militares que o 18 de xullo de 1936 defenderon en Ferrol a legalidade como, entre outros, o Contralmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal, asasinado polos fascistas, porque as persoas que defenderon a democracia e o goberno lexítimo da República son merecedoras de recoñecemento social e reparación pública".

Porén, a asociación critica que "aínda queda en Ferrol e na Galiza simboloxía franquista que depende de Defensa". "Na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol hai unha gran cruz dos 'Caídos por Dios y por España', utilizada pola Armada nalgunha conmemoración, e unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares: 'La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡Presentes!'", enumeran, entre outras.

Por último, o colectivo conclúe afirmando que a resolución de Defensa debería ter tamén repercusións inmediatas no Concello de Ferrol, polo que se debería retirar a distinción que aínda conserva González Llanos de Fillo Predilecto de Ferrol desde 1968 e unha estatua no barrio de Esteiro. así como a distinción de Salvador Moreno tamén com Fillo Predilecto desde 1949.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios