Absolven o escultor galego que pintou unha pomba da paz na tumba de Franco

A Fiscalía, porén, pedía para Enrique Tenreiro un ano de cárcere por un suposto delito contra a liberdade de conciencia e por interromper un acto relixioso.
Pintada que Tenreiro realizou na antiga tumba do ditador Francisco Franco, no Val dos Caídos (Foto: Europa Press).
photo_camera Pintada que Tenreiro realizou na antiga tumba do ditador Francisco Franco, no Val dos Caídos (Foto: Europa Press).

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Madrid vén de absolver o escultor galego Enrique Tenreiro dos delitos contra a liberdade de conciencia e de actos de profanación e danos na tumba do ditador Francisco Franco na basílica do Val dos Caídos, un lugar no que o 31 de outubro de 2018 pintou unha pomba da paz con pintura vermella e escribiu a palabra "liberdade".

O artista coruñés realizou esta performance na véspera do Día de Defuntos pola reconciliación das e dos españois, lembrando que nin Benito Mussolini nin Adolf Hitler gardan sepultura en lugares públicos e que o féretro do ditador estaba "fóra de lugar" nun mausoleo "pago por todos", segundo explicou durante o xuízo. Este acto produciuse no medio do debate que se xerou na sociedade ante a exhumación dos restos do ditador, que finalmente foi trasladado en outubro de 2019 ao cemiterio de Mingorrubio, situado no Pardo. A Audiencia madrileña acorda agora a súa absolución en contra do criterio do fiscal, que solicitaba un ano de cárcere por un delito contra a liberdade de conciencia por interromper un acto relixioso.

A Asociación para a Defensa do Val dos Caídos solicitou dous anos e medio de cárcere ao incluír un delito de profanación na acusación. O escultor defendeu durante o xuízo que se tratou dunha acción de protesta e alegou que realizou a pintada a fume de carozo ao decatarse de que se ía a celebrar unha misa ao "ver uns curas", algo que descoñecía. Segundo defendeu, comprou unha entrada para a basílica, mais descoñecía que se ía a producir unha misa. Na gravación do día que ocorreron os feitos obsérvase como Tenreiro se sitúa fronte á lápida e, tras apartar as flores sobre a tumba de Franco, debuxa con pintura vermella unha pomba da paz co lema 'Pola liberdade'.

Ao ser detido por membros de seguridade, berrou: "Pola liberdade e a reconciliación dos españois, para que non haxa ningún bando vencido!". Após ser reprendido polos visitantes da basílica, o home respondeu: "Non estou en contra da unidade de España, mais Franco matou moitísima xente". Segundo o seu relato, non se realiza esta pintada nunha lápida calquera, mais na do ditador estaba xustificado.

"É lícito ter enterrado a un ditador que quitou a liberdade a varias xeracións e que contribuíu a causa unha guerra? Parecíame que esa tumba estaba fóra de lugar", alegou no xuízo. A Fiscalía incidiu durante o xuízo en que a acción se desenvolveu con "evidente desprezo cara aos sentimentos relixiosos dos presentes e amparándose na súa concepción socio-política da sociedade", e ademais tivo lugar "mentres os nenos da Escolanía estaban a acceder ao coro e os sacerdotes celebrantes da eucaristía dirixíanse ao altar maior".

Os danos económicos desta acción, segundo a documentación presentada pola Delegación de Patrimonio Nacional do Real Sitio de San Lorenzo do Escorial, ascenderon a 510 euros por labores de limpeza da pintada e devolución de entradas.

Tenreiro, de 52 anos, ten formación en técnicas de escultura e entre 1999 e 2004 estivo enrolado na escola Pablo Picasso de escultura da Coruña, aínda que a meirande parte do material na súa páxina web corresponde a distintas performances que veu realizando os últimos anos. O escultor paseou pola praza de María Pita a peito aberto e cunha gran cruz ás súas costas, simbolizando o calvario. Con esta acción o creador quixo denunciar "a cruz" que supón a Cidade da Cultura "para a cultura na Galiza".

Ese mesmo ano noutra performance no centro de Nova York sacou unha toalla e un bañador e tombouse sobre o asfalto. En varias das súas esculturas e accións Tenreiro critica o papel da monarquía, e refírese aos Borbóns como 'bombóns'. Na súa páxina web pódense visualizar as performances 'Demasiados bombóns para este réxime' e 'A Coroa dos Bombóns polo chan'. O escultor provén dunha saga de artistas, entre os que destacan Antonio Tenreiro (1923-2006), un dos grandes artistas contemporáneos galegos, e Jaime Tenreiro (1955-2018), que destacou como artista de vangarda.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios