Defensa permite unha exposición da División Azul no cuartel vasco de Loiola

En resposta a unha pregunta formulada por EH Bildu, o departamento que dirixe Margarita Robles xustifica esta mostra equiparando a actuación na II Guerra Mundial das tropas que combateron co Exército nazi coa das forzas antifascistas.
A exposición que EH Bildu denunciou no Congreso (Foto: Noticias de Gipuzkoa).
photo_camera A exposición que EH Bildu denunciou no Congreso (Foto: Noticias de Gipuzkoa).

O Ministerio de Defensa permite que no cuartel de Loiola, en Euskadi, se sigan a exhibir armas, documentos e imaxes dos militares fascistas que participaron na Segunda Guerra Mundial no bando da Alemaña nazi a través da División Azul.

Así se desprende da resposta que recibiu o deputado de EH Bildu Jon Iñarritu sobre esta exposición que acolle o edificio militar e da que informa o xornal Público.

A resposta inicial de Defensa foi negar a existencia da mostra: "Non hai unha exposición permanente dedicada á División Azul", algo que entra en contradición coas imaxes difundidas o pasado novembro por Noticias de Gipuzkoa.

Nas imaxes expostas pódese apreciar como todo o material vencellado a este corpo militar está colocado en vitrinas con diferentes indicadores.

Defensa sostén no seu escrito que o Acuartelamento de Loiola "dispón dun espazo denominado Sala Histórica, a través de cuxas salas se mostran os cinco séculos de historia desta unidade", e que se nutre "das adquisicións, doazóns e depósitos", e a información "actualízase constantemente segundo avanzan as investigacións históricas".

"Dentro do século XX hai un espazo no que se reflicte a influencia que a II Guerra Mundial tivo no Exército e, por extensión, nesta Unidade", argumenta o departamento que dirixe Margarita Robles.

O Ministerio, aliás, equipara o papel das tropas fascistas co das forzas de liberación: "Alí atópanse actuacións de soldados españois durante o conflito, nas que figuran as protagonizadas polos milleiros de republicanos que se uniron aos exércitos aliados ao cruzaren a fronteira francesa na súa loita contra o fascismo, así como as protagonizadas por integrantes da División Azul", reza o escrito.

Comentarios