A Fiscalía galega remite ao Supremo a denuncia por non retirar nomes franquistas do Arsenal de Ferrol

"Non se pode recoñecer ás vítimas da 'Desbandá' e logo manter en Ferrol distincións para os protagonistas destes crimes", salienta o colectivo de presas e presos de Ferrol na ditadura.
Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).

O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes Pérez, asinou un decreto polo cal se remite ao Tribunal Supremo a denuncia, realizada polo colectivo de presas e presos de Ferrol na ditadura, ao Ministerio de Defensa por non retirar os nomes asociados ao franquismo da zona do Arsenal ferrolán. A Fiscalía galega remitiu a este órgano dita denuncia por considerala da súa competencia.

Este colectivo de presas e presos de Ferrol, segundo informa nun comunicado, enviou un escrito en 2020 dirixido ao Ministerio de Defensa no que expuña a presenza de trece rúas con nomes de militares franquistas no Arsenal de Ferrol e solicitaba a súa retirada.

Defensa, logo de revisar a situación, respondeu que non vía motivo para a súa retirada. Estes feitos propiciaron a denuncia ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que agora estabeleceu que "os feitos presuntamente delituosos veñen atribuídos a autoridades do Ministerio de Defensa que non teñen a consideración de aforadas ante a xurisdición do TSXG", indica.

"Non se pode recoñecer ás vítimas da 'Desbandá' e logo manter en Ferrol distincións para os protagonistas destes crimes", salienta o colectivo

O colectivo de presas asegurou nunha nota de prensa que esta situación "recobra actualidade" tras a proposta de deputados socialistas de Andalucía para que se considere a 'Desbandá' —masacre de máis de 3.000 civís por parte do bando fascista na estrada Málaga-Almería, en 1937— como "Lugar da Memoria Democrática".

Ademais, sinalaron que "non se pode pedir un recoñecemento ás vítimas da 'Desbandá' e, ao mesmo tempo, manter en Ferrol rúas e distincións para os protagonistas deses crimes contra a humanidade", en referencia a que o rueiro ferrolán conserva o nome de Salvador Moreno e do Cruceiro Baleares, perpetradores deste crime.

Por último, o colectivo lembrou que a cidade aspira ao recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e que para logralo "non pode persistir en honrar coa denominación das súas rúas a quen traizoou a vontade do pobo e a legalidade".

Comentarios