Rexistran unha petición no Concello de Celanova para retirar un monumento falanxista

"O Comité de Memoria Histórica de Celanova abre a vía administrativa para conseguir que as institucións democráticas cumpran unha lei que desde hai 14 anos as sucesivas corporacións municipais están a eludir, no que na práctica constitúe a asunción daquel legado falanxista", sinala o colectivo memorialista.
Cruz erguida en 1939 pola Falanxe no Outeiro da Obra de Celanova (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cruz erguida en 1939 pola Falanxe no Outeiro da Obra de Celanova (Foto: Nós Diario).

O Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova rexistrou na mañá desta cuarta feira, no rexistro do Concello, unha petición para a retirada, "en aplicación da Lei de memoria histórica", do monumento falanxista do Outeiro da Obra.

No escrito, o Comité apela ao artigo 15.1 da devandita lei, así como a unha sentenza do Tribunal Supremo contra un recurso da Fundación Franco pola retirada dunha estatua ecuestre do ditador que salienta que este artigo "impón a todas as Administracións Públicas adoptar as medidas oportunas para proceder á retirada" de monumentos que enxalcen o franquismo.

Nun comunicado remitido aos medios, o Comité lembra que o hai xusto un ano, o 16 de febreiro de 2021, "coincidindo coa data da vitoria da Fronte Popular nas eleccións de 1936", difundiu un manifesto solicitando a retirada deste símbolo que recibiu máis de 1.600 adhesións de asociacións e colectivos de memoria, así como diversas "personalidades do eido da cultura e da política do país".

"Esas sinaturas, entre as que figuran as de Xosé Luis Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero, entre outras, fan parte da documentación anexa á petición, xunto co Informe número 1, un documento histórico que sinala o momento, os autores e a intención explícita destes no que se ergueu o monumento fascista do Outeiro da Obra", salientan.

Aquilo aconteceu en agosto de 1939 e "por iniciativa da Bandera de Falange de Marrocos, autora dos últimos fusilamentos na prisión", cunha "encomenda precisa por parte dos xefes falanxistas", a fin de "perpetuar a lembranza dos 'nosos' mortos".

En abril de 2021, o Comité presentou unha moción para a retirada desta peza logo de ter entregado o Informe e o manifesto coa demanda aos grupos políticos, "agás o PP, que ignorou a solicitude". No pleno, a moción só obtivo o voto favorábel do BNG e, en consecuencia, foi rexeitada.

Un mes despois, "esgotada a vía política en Celanova", o colectivo memorialista reuniuse co subdelegado do Goberno estatal en Ourense para informar da petición á secretaría de Estado de Memoria Democrática. "Agora, o Comité abre a vía administrativa para conseguir que as institucións democráticas cumpran unha lei da que se dotou o Estado en 2007 e que desde hai 14 anos as sucesivas corporacións municipais están a eludir no que na práctica constitúe a asunción daquel legado falanxista", conclúen.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios