Unha unidade militar impulsada polo nacionalismo galego

A loita antifascista das Milicias Galegas

As Milicias Galegas non escaparon ao mal fado da historia que é de nos. Ao fin, un outro capítulo dese pasado que chega deformado por unha trepia sinistra empeñada en presentar a Galiza como unha simple extensión do relato español, ao pobo galego como unha realidade submisa e ao nacionalismo como un movemento politicamente irrelevante.
Milicias galegas 1
photo_camera Os dirixentes das Milicias Galegas Xoán Xosé Plá, Pedro Penabad e Enrique Peinador Porrúa en agosto de 1936. (Foto:Crónica).

As Milicias Galegas xorden dunha decisión política do Partido Galeguista (P.G). A proposta dos nacionalistas, como escribiu Castelao e indicou tamén Santiago Álvarez, partía da necesidade dun batallón autónomo como expresión da existencia dunha Galiza que, se ben  estaba dominada polo franquismo, viña de referendar o seu estatuto e por conseguinte precisaba dunha expresión política que permitise visualizar o seu problema nacional e deixar constancia do compromiso na loita contra o fascismo.

A súa posta en marcha foi iniciativa directa de Daniel Castelao, Ramón Suárez Picallo, Xoán Xosé Plá, Pedro Penabad e Enrique Peinador Porrúa, que concretaron un plan de acción que perseguiu a organización e posta en marcha da unidade militar, a creación dun espazo de referencialidade galego en Madrid e a articulación unha rede de apoios que aglutine o espectro social da Galiza democrática.

A creación das Milicias Galegas

5 de Agosto de 1936 diversos medios escritos madrileños recolleron o chamado a incorporación de voluntarios ás Milicias Galegas, fixando como “oficina de recrutamento” o local do Partido Galeguista, un primeiro andar no número 15 da Rúa Conde de Peñalver da Gran Vía

Crónica, no seu número de 23 de agosto de 1936, afirmou que “uns cantos galegos concibiron a idea de formar as Milicias Galegas no corazón de Castela. Son estes homes o deputado Ramón Suárez Picallo, o avogado Enrique Peinador Porrúa, Xoán Xosé Plá, capacidade de traballo e entusiasmo…Na súa axuda acudiu aportando o seu entusiasmo, valor e talento un deses homes nos que apunta o xenio das circunstancias: Pedro de Penabad, avogado e escritor..”.

“O Partido Galeguista, integrado na súa totalidade por idealistas pobres, non tiña sede en Madrid. Foi necesario habilitar un local que servira de centro de recrutamento, polo que se procedeu a incautación dun deses casinos políticos onde se preparou a conspiración que vivimos”, destacou a peza xornalística de Crónica

A unidade de choque “Rosalía de Castro”

As Milicias Galegas, formadas por máis de 1.200 persoas, estiveron compostas, maiormente, por segadores, temporeiros e fuxidos da Galiza franquista. Precisamente, os primeiros chegaron a conformar a unidade de choque “Rosalía de Castro”, duramente golpeada na primeira acción de armas vivida en 6 de setembro de 1936.

Un grupo de arredor de 150 mulleres, na súa práctica totalidade traballadoras do fogar,  formou nas filas das  Milicias Galegas. Significáronse entre estas, Marciana Pimentel, máxima responsábel dos servizos de enfermaría, e Esperanza  Rodríguez, oficial da unidade.    

O primeiro núcleo de dirección das Milicias Galegas conformouse en agosto de 1936, aparecendo como presidente de honra Ramón Suárez Picallo, como secretario xeral de honra, Agapito García Atadell, como secretario xeral Xoán Xosé Plá, dirixente do PG en Viveiro, como xefe da sección económica Enrique Peinador Porrúa, militante do PG en Madrid, como xefe da sección de prensa Pedro Penabad Rodríguez, dirixente do PG en Madrid, como xefe da sección sanitaria Ramón Vidal Barreiro e como xefe do negociado militar Manuel López Iglesias.

Daniel Castelao

As Milicias contaron cun “Comité de Apoio” integrado por Daniel Castelao, o físico ourensán e deputado de republicano Manuel Martínez Risco e un xeneral xubilado de longa tradición republicana, o viveirense Cecilio Bedía de la Cavallería, que morreu no exilio arxentino.

A unidade de combate dispuxo dos seus propios órganos de prensa. Así, na esfera escrita elaborou El miliciano gallego, coa colaboración, entre outros, de Barcia Caballero e o portorriqueño fillo de galegos Rubén Gotai. Ao tempo, puxo en marcha a emisión radial, A Nosa Terra, que desde o local do Partido Galeguista dirixiu Rodríguez Villafranca.

As Milicias Galegas non tardaron en denominarse 4º Batallón da Brigada Mixta, como consecuencia do proceso de militarización e encadramento no exercito regular das milicias aprobado polo Goberno Largo Caballero en outubro de 1936.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios