PUBLÍCANSE AS CARTAS QUE LLE ENVIABA A BLANCO AMOR

Primeiro Día do Orgullo Galego dedicado a Picallo 

Hoxe celébrase por vez primeira o Orgullo Galego, aproveitando a coincidencia da aprobación do Estatuto de 1936 co Día do Orgullo LGTBI. É unha iniciativa da recentemente inaugurada libraría Chan da Pólvora, cuxa editorial homónima vén de publicar 'Querido Eduardo', unha compilación das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor.

Suarez Picallo-Blanco Amor
photo_camera Ramón Suárez Picallo e Eduardo Blanco Amor

O 28 de xuño fanse 80 anos da aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936 e é o Día Internacional do Orgullo LGTBI. É por iso que a libraría compostelá Chan da Pólvora, que abriu ao público a semana pasada, quéreo celebrar coa xornada ‘Suárez Picallo, orgullo galego’, desexando que se repita en vindeiros anos. “Agardemos que esta celebración se espalle e calle entre a sociedade galega a dobre reivindicación, tanto a dos dereitos individuais como a dos nacionais”, explicou para Sermos Eduard Velasco, responsable xunto con Alicia Fernández da libraría. 

A Chan da Pólvora editora, para apoiar esta conmemoración, edita o libro ‘Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor’, que será presentado hoxe mesmo a partir das 20 horas na libraría. O volume, que estivo ao coidado de Iris Cochón e conta con introdución e notas de Antón Lopo, recolle a correspondencia entre o político galeguista e o escritor de Ourense.

“A gran figura marxinada”

Segundo o editor, Antón Lopo, este primeiro volume da colección Rabo de Egua “é un intento de amosar que a poesía non é só o que se considera literatura, porque temos ademais a vontade dalgún xeito de documentar outro tipo de poesía que non é estrictamente literatura e que sen embargo está imbuída do ámbito da poesía. E nese sentido se inscribe esta recuperación deste material histórico extraordinario que supón a correspondencia deles dous, un paratexto en realidade poético moi vinculado á traxectoria de Blanco Amor e que ao mesmo tempo trata de recordar a gran figura marxinada da historia da política galega, que é o personaxe probablemente máis importante xunto a Castelao nos anos heroicos do galeguismo previos á guerra e tamén despois no exilio, que é Ramón Suárez Picallo”. 

"Trata de recordar a gran figura marxinada da historia da política galega, que é o personaxe probablemente máis importante xunto a Castelao nos anos heroicos do galeguismo previos á guerra e tamén despois no exilio, que é Ramón Suárez Picallo”

O volume, cuxo groso xa fora editado en 1993 no suplemento d'O Correo Galego Revista das Letras, recolle as cartas de Picallo a Blanco Amor, que se coñeceron en 1919 no café La Armonía de Buenos Aires. Desde entón a súa relación foi intensa, politicamente e persoalmente. Entre outras iniciativas que compartiron, figura a elaboración da primeira Constitución de Galiza, redactada xunto a outros intelectuais emigrantes na Arxentina como primeiro paso cara á independencia do país. 

'Querido Eduardo'

'Querido Eduardo' reúne as cartas que Picallo lle escribiu a Blanco Amor, depositadas na Deputación de Ourense dentro da doazón realizada polo poeta e autor de 'A esmorga' á institución. As cartas de Blanco Amor a Picallo, porén, están lamentablemente perdidas, debido á azarosa vida do gran impulsor do estatuto, un nómade que cruzou o século XX como quen está ameazado polas cinsas dun volcán. A correspondencia iníciase en 1931 [ano en que Picallo abandona Buenos Aires para presentarse ás eleccións das Cortes constituíntes da II República] e péchase en 1946, cando os dous amigos retoman os seus encontros tras a II Guerra Mundial. 

queridoeduardo

Trátase, segundo afirma a editorial, “dunha correspondencia extraordinaria entre dous homes extraordinarios” que percorre, en primeira persoa, os grandes escenarios da historia politica galega do seculo XX: a Republica, o Estatuto de Autonomia, a Guerra Civil e o exilio. Picallo [Veloi 1894-BuenosAires 1964], foi o deputado mais popular do galeguismo [nas eleccions de 1936 conseguiu 170.000 votos, mais que Castelao] e o seu destinatario, Blanco Amor [Ourense 1897-Vigo 1979], escribiu a que a critica considera a mellor novela da literatura galega: 'A esmorga'. Os dous non compartían só as circunstancias da emigración galega, a discriminación por seren homosexuais e o activismo de esquerda, senón que tamén traballaban de xornalistas. “Formaban unha combinacion explosiva e frutifera que na Arxentiva minaba as ideas da colectividade emigrante e en Galiza levantaba ronchas”, lembran. Castelao,Virxinia Pereira, Negrin, Novoa Santos, Trujillo, Villar Ponte ou Alonso Ríos son só alguns dos personaxes que os acompanan neste relato profundo e emocional, libre e tráxico, íntimo e descarnadamente sincero. 

Comentarios