As Milicias Galegas

Un corpo de exercito impulsado polo Partido Galeguista para loitar contra o fascismo. A  decisión de poñer en marcha este corpo para combater o fascismo xorde da iniciativa directa dos deputados nacionalistas Daniel Castelao e Ramón Suárez Picallo, do dirixente do Partido Galeguista de Viveiro Xoán Xosé Plá e dos máximos responsábeis desta organización en Madrid Pedro Penabade e Enrique Peinador Porrúa

milicias galegas (2)
photo_camera Voluntarios inscribindose ás Milicias Galegas no local do Partido Galeguista en Madrid. 1936

O 5 de Agosto de 1936 diversos medios de comunicación da capital do Estado recollían un chamado do Partido Galeguista aos galegos residentes en Madrid convidándoos a conformar un corpo do exercito popular para combater o fascismo. O comunicado de prensa que remataba ao berro de “Viva Galiza ceibe", sinalaba a necesidade de poñer en marcha dun batallón autónomo como expresión da existencia dunha Galiza que viña de referendar o seu Estatuto, demandaba o compromiso dos galegos na loita contra o fascismo e enunciaba como obxectivo central “ la liberación y reconquista de Galicia, actualmente en manos de los facciosos y que necesita de nosotros para reicorporarse a la senda de la civilización y de los pueblos libres”. Asemade indicábase que o Partido Galeguista viña de poñer en marcha unha oficina de recrutamento no seu local madrileño do número 15 da Rúa  Conde de Peñalver da “Gran Vía”, inmóbel que viña de ser incautado ao vello partido liberal demócrata.

A  decisión de poñer en marcha as Milicias Galegas xorde da iniciativa directa dos deputados nacionalistas Castelao e Suárez Picallo, do dirixente do PG Xoán Xosé Plá e dos responsábeis desta organización en Madrid Pedro Penabade e Enrique Peinador .

A  decisión de poñer en marcha as Milicias Galegas xorde da iniciativa directa dos deputados nacionalistas Daniel Castelao e Ramón Suárez Picallo, do dirixente do Partido Galeguista de Viveiro Xoán Xosé Plá e dos máximos responsábeis desta organización en Madrid Pedro Penabade e Enrique Peinador Porrúa. A súa proposta respondía a idea de organizar e poñer en marcha unha unidade militar,  a creación dun espazo de referencialidade galego en Madrid arredor da mesma e por último a formalización unha rede de apoios que aglutine o espectro social da Galiza democrática. O semanario “Crónica”, no seu número do 23 de Agosto de 1936, lembrando o proceso de formación das Milicias Galegas, sinalaba que “ unos cuantos gallegos concibieron la idea de formar las Milicias Gallegas en el corazón de Castilla. Son estes hombres el diputado Ramón Suárez Picallo, el abogado Enrique Peinador Porrúa, Juan José Plá, capacidad de trabajo, organización. En su ayuda acudió Pedro Penabad”. A nova continuaba informando que “ El Partido Galleguista integrado en su totalidad por idealistas pobres, no tenía sede en Madrid. Fue necesario habilitar un local que sirviera de centro de reclutamiento”.

Milicias galegas 1

Máis de 1200 galegas e galegos fixeron parte deste corpo de exército,que xa no mes de Setembro de 1936, data da súa primeira acción na fronte, estaba conformada por 800 persoas. Na composición do mesmo destacábanse os segadores , naquelas datas arredor dun milleiro deles concentrábanse na tempada da sega no que hoxe son as cidades da área metropolitana de Madrid, e menor medida  traballadores temporais, particularmente da construción, fuxidos ou persoas indispostas por razóns políticas para volver a Galiza franquista e traballadoras do fogar. Hai que destacar o papel que desenvolveron as preto de 150 mulleres nos traballos do batallón, traballo que  chegou todas as esferas da agrupación,desde a fronte á intendencia, desde a propaganda á area sanitaria  destacando polo seu relevo Marciana Pimentel, que chegaría a dirixir os servizos de enfermaría do mesmo e remataría nun campo de concentración franquista, e  Esperanza  Rodríguez, oficial das Milicias e que desaparecería no exilio europeo tras cruzar a fronteira co exército derrotado en 1939.

A primeira acción de guerra das Milicias Galegas desenvolvese o 6 de Setembro de 1936 nos montes de Toledo entre unha columna de 400 milicianos galegos uniformados, funda azul e brazalete coa bandeira de Galiza, e as tropas lexionarias.

O primeiro núcleo de dirección das Milicias Galegas conformase en Agosto de 1936, aparecendo como Presidente de Honra Ramón Suárez Picallo, como Secretario Xeral de Honra, Agapito García Atadell, como Secretario Xeral Xoán Xosé Pla, como xefe da sección económica Enrique Peinador Porrúa, como xefe da sección de prensa Pedro Penabad Rodríguez, como xefe da sección sanitaria Ramón Vidal Barreiro e como xefe do negociado militar Manuel López Iglesias, un profesional do exército xubilado co grao de capitán, casado cunha galega e que despois de estar destinado n´A Coruña traballaba como conserxe dun hotel en Madrid. Asemade articulase unha “Comité de Apoio” do que facían parte Daniel Castelao, o físico ourensán e deputado de Esquerda Republicana  Manuel Martínez Risco e un xeneral xubilado de longa tradición republicana, o viveirense Cecilio Bedía de la Cavallería que morrería no exilio arxentino.

miliciana milicias galegas

O 6 de Setembro de 1936, 400 milicianos galegos uniformados, funda azul e brazalete coa bandeira de Galiza, saían do seu cuartel de “Juan Montalvo”, no que era a súa primeira acción de guerra,  a cortar o paso das tropas de lexionarios que avanzaban cara Toledo, seguindo ese mesmo ano os enfrontamentos na defensa do Madrid antifascista e así continuarán en todas as frontes de batalla xa co  nome de 4º Batallón da Brigada Mixta, denominación resultante do proceso de militarización e encadramento no exercito regular das milicias aprobado polo Goberno de Largo Caballero. Aínda que o esforzo de guerra era o nervio central da actividade das milicias, a súa propia conformación e natureza implicaba unha importante de actividade de axitación, propaganda e concienciación para manter o compromiso coa loita do conxunto da poboación.Nesta orientación sitúanse os medios de comunicación propios como “El miliciano gallego”elaborado por Ramiro Illa Couto, Barcia Caballero e o portorriqueño fillo de galegos Rubén Gotai, ou a emisión radial “A Nosa Terra”, que desde o local do Partido Galeguista informou a comunidade galega da man do nacionalista Rodríguez Villafranca.

Máis de 1200 galegos fixeron parte deste corpo de exército formado na súa grande maioría por segadores e un número menor de traballadores temporais, fuxidos ou persoas indispostas por razóns políticas para volver a Galiza franquista e traballadoras do fogar.

O éxito da iniciativa animou aos nacionalistas a exportar a idea a Cataluña, desprazándose a eses efectos a Barcelona Daniel Castelao, Ramón Suárez Picallo, Marcial Fernández  e Xoán Xosé Plá. O 21 de setembro de 1936 a comisión galega mantén unha xuntanza co presidente da Generalitat Lluis Companys, dándolle continuidade nos días seguintes con diversos consellers e coa dirección do “Comité de Milicias Antifascistas” e visitando a tumba do president Maciá. A nova política defensa definida polo Goberno de Largo Caballero e o proceso de militarización imposto, remataron por pórlle o freo a esta iniciativa  para enfado de Castelao e do núcleo dirixente das “Milicias Galegas” como lembrou nas súas memorias Emilio González López. Non correu mellor sorte a memoria deste batallón antifascista impulsado polo Partido Galeguista, esquecida as máis dos veces no relato da loita contra o franquismo, manipulada, outras, por que se dispuxo a contar a súa historia. Ao fin, un outro capítulo desa trepia sinistra empeñada en presentar Galiza como unha simple extensión do relato español, ao pobo galego como unha realidade submisa e ao nacionalismo como un movemento politicamente irrelevante.

Fotos:

Portada e interior

Voluntarios inscribindose ás Milicias Galegas no local do Partido Galeguista en Madrid. 1936

No texto:

Xoán Xosé Plá, Pedro Penabade e Enrique Peinador Porrúa dirixentes das  Milicias Galegas. 1936

Esperanza Rodríguez co uniforme das Milicias Galegas. 1936

Comentarios