Os Franco exixen que lles deixen retirar "de forma inmediata" todos os bens do pazo de Meirás

A familia do ditador insta o xulgado a dar vía libre para ir polos elementos gardados no inmóbel, o que semella unha manobra para evitar que as Administracións públicas poidan salvagardar a titularidade dos bens aludindo á súa cualificación de BIC ou pedindo unha moratoria da decisión da xustiza. Sosteñen que son donos tanto das pezas declaradas BIC como da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.
O equipo técnico de Cultura nunha visita ao pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O equipo técnico de Cultura nunha visita ao pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A familia do ditador Francisco Franco fai ouvidos xordos á contestación social e administrativa pola polémica sentenza xudicial que lles permite retirar os bens do pazo de Meirás e, ademais, recoñece o seu dereito a recibir unha indemnización. Dado o anuncio de varias partes implicadas de pór en práctica distintas vías para evitar o que se deu en considerar un “espolio”, semella que os Franco están acelerando os trámites.

Hoxe coñeceuse que, a través do seu avogado, solicitaron ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña -que foi o artífice da sentenza de hai uns días- que lles permita levar “de forma inmediata”, e nun prazo de tempo “razoábel”, “todas as cousas, bens ou obxectos que hai no interior do inmoble”.

No escrito exceptúan aquelas pezas que colocara o Estado desde que o complexo regresou a mans públicas. No entanto, nada se di de mobles e propiedades que se entendían “roubadas” polo ditador e as e os seus achegados ao patrimonio do pobo.

Este novo trámite de urxencia da familia chega só uns días despois de que a Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito temporal dos bens mobles existentes no interior do pazo nas mans do Estado.

Sobre o escrito que transcendeu esta segunda feira, o maxistrado que representa aos Franco, Luís Felipe Utrera-Molina conformou a Europa Press que se refire a todos os bens, incluídos os que estean declarados Ben de Interese Cultural (BIC).

Este é o caso, por exemplo, das estatuas de Isaac e Abraham que se vinculan co Mestre Mateo, ás que se suman os centos de volumes que forman parte na biblioteca da intelectual Emilia Pardo Bazán, que conta coa protección dun ben deste tipo após iniciarse en 2020 o correspondente expediente.

"O que está declarado BIC tamén é propiedade dos meus clientes, a única matización respecto ao traslado de bens que son BIC é que está sometido á protección da Lei do Patrimonio Cultural da Galiza", destacou o letrado, que pensa pedir un permiso á Xunta.

Demandan que o inventario desapareza

Por outra banda, Utrera-Molina reclamou que se elimine o inventario de bens que se fixera, en virtude do cal se descubriran en Meirás elementos que eran patrimonio do Estado español e que, presuntamente, foran “espoliados” durante a ditadura.

O avogado insiste en que todas as institucións deben “absterse do uso, utilización, invocación, divulgación e/ou revelación de tales documentos”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios