A "presión social" levou o Estado a mudar de criterio sobre a sentenza de Meirás

O movemento da memoria celebra o cambio de parecer da Avogacía. Así mesmo, fontes do Goberno aseguran que se debeu a que, nunha primeira lectura do fallo, "parecía que o recurso non era viábel".
Os colectivos da memoria "convenceron" o Estado de presentar un recurso. Na imaxe, o día da devolución do Pazo, en decembro (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Os colectivos da memoria "convenceron" o Estado de presentar un recurso. Na imaxe, o día da devolución do Pazo, en decembro (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A Audiencia Provincial da Coruña ratificou o 12 de febreiro que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado, mais recoñeceu o dereito da familia Franco a ser indemnizada polos gastos "útiles e necesarios" do mantemento do inmóbel desde 1975. Esta decisión amparábase na actuación "de boa fe" das e dos herdeiros do ditador, un aspecto moi cuestionado polas fontes xurídicas consultadas por Nós Diario, que xa o pasado mes dubidaban da pertinencia dunha compensación económica: "A mala fe transmítese aos herdeiros, e en ningún momento acreditaron teren actuado de boa fe", expuña daquela o avogado do Concello de Sada, Miguel Torres.

Após coñecer a sentenza, a Avogacía do Estado desbotou presentar un recurso ao considerar que era favorábel aos intereses públicos. "Non comparto nin deixo de compartir", xustificaba o delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, preguntado a respecto da "boa fe" dos Franco e a consecuente indemnización. O anuncio provocou discrepancias no seo do Partido Socialista, que na Galiza defendía o recurso da man do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

"O recurso non era viábel"

Esta terza feira o Goberno estatal comunicou que, finalmente, si recorrerá a sentenza de Meirás ante o Tribunal Supremo. Fontes do Executivo sondadas por este xornal expoñen os motivos que provocaron o cambio de criterio: "Malia que na lectura inicial da sentenza parecía desprenderse que o recurso non era viábel, a Avogacía realizou posteriormente un estudo detallado dos fundamentos da resolución que permitiu determinar que a posesión dos herdeiros de Franco non se realizou de boa fe", sostivo esta cuarta feira a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo.

Esta nova apreciación da "mala fe" coa que, asegura agora a Avogacía, terían actuado os Franco, é "fundamento suficiente" para recorrer a sentenza. "O principal é que o pazo foi devolto ao pobo galego", engadiu a subdelegada.

Con todo, esta explicación non é suficiente para o investigador e promotor da causa de Meirás, Carlos Babío, quen asegura que o Estado mudou de criterio grazas á "presión social" exercida desde diferentes colectivos: "Nun primeiro intre dixeron que era favorábel, e, cando nós puxemos de manifesto certas cuestións inasumíbeis nun Estado de dereito, comezaron dicir que o recurso era tecnicamente inviábel. Agora, en cambio, afirman que é posíbel", relata, en conversa con Nós Diario.

Neste senso, salienta a importancia da "pedagoxía" feita nas últimas semanas, coa publicación dun manifesto que reflectía os motivos polos que cumpría recorrer o veredicto e que, en apenas tres días, superou as 3.000 sinaturas. "Fixemos un traballo de concienciación social para facer entender aos actores políticos que debían actuar, porque o obxectivo de todo este proceso non era obter o pazo en si, senón acabar cun símbolo da impunidade franquista", explica.

Tamén a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) quixo na cuarta feira pronunciarse a respecto do anuncio: "Agardamos non volver precisar nunca de esforzos titánicos para que o Estado e a Xunta defendan a memoria das vítimas".

O Parlamento insta a Xunta a sumarse ao recurso do Estado

O debate sobre a sentenza do Pazo de Meirás volveu esta cuarta feira á Cámara galega, que aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para demandar á Xunta que interpoña, xunto co Estado, os "recursos oportunos" no relativo á indemnización aos Franco.

Neste senso, o deputado Luís Bará lembrou o acordo do Parlamento de xullo de 2018 en relación ao pazo, no que se rexeitaba calquera pago á familia do ditador. As tres forzas políticas celebraron o consenso, mais a sesión estivo marcada por un cruce de reproches sobre o proceso de recuperación do Pazo.

Comentarios