mércores 14/04/21

Os Franco alegan tres décadas de ocupación "pública e pacífica" de Meirás no seu recurso ante o Tribunal Supremo

Os herdeiros do ditador alegan que o Estado se "desentendeu" do pazo e sinalan que o fallo admite "dúbidas ou incerteza" sobre a súa titularidade pública.
Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)

Os herdeiros de Francisco Franco presentaron un recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS) contra a sentenza ditada o pasado 12 de febreiro pola Audiencia Provincial da Coruña, que confirmou a titularidade pública do Pazo de Meirás, mais condenando ao Estado a pagar unha indemnización polos gastos contraídos desde 1975, unha decisión nada allea de polémica. 

Segundo vén de facer público Europa Press, os descendentes de Franco alegan que o fallo lles recoñece a ocupación do inmoble "pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos" e de maneira "exclusiva" durante máis de 30 anos, desde a morte do ditador en 1975.

Disto sérvense para xustificar que o pazo é seu por usucapión extraordinaria e denuncian que o fallo que reafirma o carácter das Torres de Meirás como ben público contravén o Código Civil, a Lei de Enxuizamiento Civil e a propia xurisprudencia do Supremo.

Xunto a isto, pon o foco en que a propia Audiencia Provincial admite na súa sentenza unha posesión de "boa fe" do Pazo, o que a levou a recoñecerlles o dereito a ser indemnizados pola súa conservación e mantemento por "máis de catro décadas".

Así mesmo, entre o sete puntos do recurso, chaman a atención sobre o feito de que o Estado recoñecese ao ditador "a condición de propietario". Insisten aliás en que, tras 1975, houbo unha "inequívoca vontade" por parte da Administración de "separar" o pazo "de toda posíbel adscrición ao público" e de "desentenderse" do seu uso.

Neste contexto, os descendentes de Franco alegan que o fallo admite que existían "dúbidas ou incerteza" sobre a posesión do pazo por parte do Estado, o que é incompatíbel cunha "posesión en concepto de dono", que require que sexa "nítida e inequivocamente constatada". 

Os herdeiros tamén fan fincapé en que, até a presentación da demanda en xullo de 2019, o Estado "en ningún momento" lles trasladou que non fosen "os seus lexítimos propietarios". Neste senso, consideran que a actual reivindicación "é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira, sen que precedese requirimento formal algún" para que é ben pasase a dominio público.

comentarios