Antonio Maestre: "Detrás de Fenosa hai un caso de represión directa, o fusilamento do republicano Pepe Miñones"

O espolio, a represión, o traballo escravo e os tratos de favor co réxime franquista explican o éxito da maioría das grandes empresas españolas que hoxe cotizan no IBEX 35. O xornalista Antonio Maestre (Xetafe, 1979) aborda esta cuestión este 26 de novembro, nunha palestra na cidade do Lérez no marco das III Xornadas contra a Impunidade que organiza o departamento de Memoria Histórica da Deputación  de Pontevedra. A palestra pódese seguir en streaming,
O escritor de 'Franquismo S.A.' e subdirector de 'La Marea', Antonio Maestre.
photo_camera O escritor de 'Franquismo S.A.' e subdirector de 'La Marea', Antonio Maestre. (Foto: Nós Diario)

En Franquismo S.A. analiza como as actuais empresas do IBEX 35 xurdiron ao amparo do espolio, prevendas e favores da ditadura. De quen estamos a falar?

No libro falo dunha especie de cambio de garda empresarial que se produciu tras a vitoria do bando fascista na Guerra Civil. En parte, fíxose esa guerra por unha cuestión de clase, para manter uns privilexios.

As empresas que xurdiron do ano 1939 foron as dos vencedores. Aqueles que deran o seu apoio ao fascismo na guerra, participaron do golpe ou foron adeptos ao réxime tiveron a oportunidade de desenvolver a súa vida económica grazas ás prebendas que daba o franquismo. 

Nalgúns casos, esas empresas construíronse con traballo escravo. Noutros, con represión directa. Noutras ocasións, foi a través da corrupción e os contactos directos co réxime. En calquera caso, sempre foi coa conivencia e o favor da lexislación que emanaba do novo Estado fascista, que permitía aos adeptos ao réxime poder facer negocio. 

Na Galiza está o caso de Fenosa, cuxo éxito débese ao franquismo.  

É o caso máis paradigmático. Detrás de Fenosa hai un caso de represión directa: o fusilamento do deputado republicano Pepe Miñones, que tiña a empresa Electra Popular Coruñesa. Foi a que deu o alumeado á Costa da Morte. A empresa de Miñones era a máis puxante e Fenosa, de Pedro Barrié de la Maza, ía a rebufo. Cando se deu o golpe fusilaron Miñones no Campo da Rata da Coruña. Coa súa morte, a empresa comezou a ter problemas e Barrié absorbeuna despois duns movementos do empresario Cornide Quiroga. Así, Fenosa chegou a ter practicamente a exclusividade do servizo. 

O caso da Galiza é ademais o máis simbólico no espolio do patrimonio e aí tamén están estes empresarios. As Torres de Meirás chegaron a ser de Franco grazas á implicación directa de Barrié, que foi o encargado de facer a subscrición popular para que, de forma coactiva, a xente doase. O mesmo que Quiroga coa Casa Cornide.  

É consciente de que desmonta o mito da meritocracia no Estado.

A meritocracia ten pouco que ver cando se observa como se construíu o capital de empresas que hoxe continúan. Cando se fala das empresas do IBEX parece que estas non teñen ningún tipo de relación co franquismo porque o IBEX foi creado nos 90. Mais estas compañías naceron da fusión de empresas máis antigas. Vémolo no caso de Naturgy, que xorde de Gas Natural Fenosa. 

Case todo o que teñen moitas das grandes familias que están nos consellos de administración das grandes empresas vén derivado dun poder xurdido pola represión, a corrupción e a conivencia co franquismo. 

E a resistencia á reparación é máis económica que política?

A verdadeira resistencia á memoria non é simbólica nin política nin moral, senón económica, porque cando se dan pasos avanzando cara á xustiza e á reparación, en última instancia, o que sempre queda é a reparación económica,  a través da indemnización ou da restitución patrimonial. Isto estase a ver agora na Lei de Memoria Democrática, que é na parte en que fica máis coxa. Non se atreve a incidir nisto por dous motivos. Por unha banda, porque existe unha responsabilidade subsidiaria por parte do Estado, é dicir, se as vítimas tivesen o favor xudicial e non se atopase quen é o responsábel de devolver o patrimonio tería que ser o Estado quen asumise as indemnizacións. Pero é que ademais moitas das familias e empresas perderían case todo poder que teñen. 

Se todo aquilo roubado se restituíse, habería familias moi importantes que viven grazas a ese patrimonio que terían que devolver todo o que teñen. E esa é a verdadeira resistencia.

"A resistencia á memoria é económica"

"Hai que seguir os pasos de dereito comparado e memoria comparada", propón Antonio Maestre, sinalando o exemplo alemán, onde o Bundestag creou a Fundación Memoria, Responsabilidade e Futuro que indemnizou con máis de 4.000 millóns de euros as vítimas do fascismo. Era unha fundación á que se adheriron empresas que se tiñan lucrado do traballo escravo ou se beneficiaran do nazismo. "É unha maneira de reparar que non implica que cada vítima teña que iniciar un proceso xudicial", explica.

"Crear unha fundación ao estilo da alemá sería un bo camiño", sinala Maestre, que pon o ramo á conversa con Nós Diario remarcando outro caso de espolio que segue sen repararse: na rúa do Paseo do Pintor Rosales de Madrid case todas as vivendas foron ocupadas por militares e adeptos ao réxime ao finalizar a guerra, sendo expulsados moitos dos seus donos, que eran republicanos.

As xornadas contra a impunidade, tamén en liña

A corrupción, o espolio e a represión económica franquista e a súa relación coa monarquía e a Igrexa serán o centro do debate nas III Xornadas contra a Impunidade que decorrerán este 26 e 27 de novembro na cidade do Lérez, organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación  de Pontevedra, que dirixe a nacionalista María Ortega. As prazas presenciais están esgotadas, mais todos os relatorios poderán seguirse en directo en liña a través da web depo.gal.

As xornadas afondarán no coñecemento dos métodos utilizados pola ditadura para enriquecemento da cúpula franquista e das empresas que apoiaron o golpe, mais tamén tratarán as repercusións após 1975, sen perder de vista o padecemento das vítimas.

Na sexta feira, as palestras centrarase no enriquecemento das empresas afíns ao franquismo con atención especial ás galegas, coa charla de Antonio Maestre. A continuación, Xosé Álvarez Castro abordará a represión económica contra as familias republicanas e Beatriz Busto tratará o espolio cultural. O ramo porao o documental Billy, presentado por unha das vítimas de Billy el Niño, Miguel Ángel Gómez, Gus. 

A xornada do sábado iniciara coa palestra de Rebeca Quintáns sobre a corrupción na monarquía. Xosé Ramón Rodríguez Lago falará dos beneficios que supuxo para a Igrexa a súa complicidade coa ditadura e Araceli Freire falará da resistencia que as mulleres galegas puxeron ao espolio dos recursos públicos. 

A mañá rematará cunha mesa redonda en que participan descendentes de familias espoliadas que asumiron a herdanza de transmitir a memoria.  O punto final da cita chegará cunha viaxe de memoria a Baiona e Oia.

Comentarios