Do 26 ao 27 de novembro na Deputación de Pontevedra

A corrupción do franquismo a exame nas 'Xornadas contra a impunidade'

Ademais dunha ditadura criminal e xenocida, o franquismo foi unha auténtica trama de corruptelas que axudou a enriquecerse a unhas oligarquías que seguen estando presentes nos principais postos de poder económico do Estado. Unha trama que, ademais, se utilizou como parte do sistema represivo.
O conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, co ditador Francisco Franco en 1965. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, co ditador Francisco Franco en 1965. (Foto: Europa Press)

"A nosa Cruzada é a única loita na que os ricos que foron á guerra saíron máis ricos". Así se expresaba o ditador Franciso Franco en Lugo, en agosto de 1942. O mesmo que iniciou unha feroz e implacábel vaga de represión contra centos de miles de persoas cuxo único delito consistía en ser de esquerdas, ou galeguistas, ou republicanas. Ou simplemente non comungar coas ideas autoritarias dos golpistas. A masacre levouse a cabo en nome de ideas que os facinorosos consideraban nobres: Deus e Patria. Mais tamén había outro motivo menos altruísta: o diñeiro.

Unha das facetas menos estudadas da ditadura franquista é o espolio ao que foron sometidos os vencidos. Milleiros de persoas non adictas ao réxime foron vítimas dun saqueo que as privou non só dos seus dereitos, senón tamén das súas propiedades, das súas casas, das súas empresas, dos seus aforros. Mesmo despois de seren asasinados. As III Xornadas de loita contra a impunidade, organizadas pola Deputación de Pontevedra os vindeiros días 26 e 27, centrarán o debate precisamente na corrupción e na pillaxe dun réxime que non dubidou en apropiarse de todo o que puido para beneficio duns poucos. 

Montse Fajardo, escritora, xornalista e técnica de memoria histórica da Deputación, explica a Nós Diario que as xornadas pretenden visibilizar “como se enriqueceron as empresas que apoiaron o golpe, como foron favorecidas pola ditadura. E tamén falaremos da complicidade de moitas institucións como, por exemplo, a monarquía -a corrupción borbónica parece máis que demostrada- ou da Igrexa católica, que tamén se beneficiou dese xenocidio que converteu en Santa Cruzada”.

A complicidade dos grandes poderes

Á sombra desa corrupción sistemática medraron familias ilustres como as dos March, Koplowitz, Coca, Banús, Aguirre, Carceller, Fierro... clans que continúan constituíndo a cerna do sistema económico do Estado -o club dos máis ricos- e que se transformaron en demócratas de toda a vida en canto o franquismo se deu por finiquitado. “Ese é un dos grandes obxectivos destas xornadas”, matiza Fajardo, “desvelar o roubo do relato: batemos con algo peor que o silencio, batemos contra unha serie de ideas propagadas no seo da sociedade que non se corresponde en absoluto coa realidade. Persiste a idea de que o réxime franquista era austero e esa é unha gran mentira: era un réxime corrupto e ladrón e iso está máis que demostrado pola historiografía”. Iso sen contar coa propia familia Franco, que fixo unha descomunal fortuna a partir do golpe de Estado contra a República.

Seguindo este fío, as xornadas acollerán intervencións como a do xornalista Antonio Maestre, a partir da documentación recollida no seu libro Franquismo S.A. ou a do historiador Xosé Álvarez Castro, que pasará revista á represión das persoas que colaboraban co réxime e que extorsionaban as vítimas para requisarlles os seus bens. A xornalista Rebeca Quintáns, autora do libro Un rey golpe a golpe, tratará o papel da monarquía no réxime e Xosé Ramón Rodríguez Lago, exporá a evolución da Igrexa no seu relatorio "Igrexa e ditadura".

Fajardo insiste tamén na idea de que o franquismo chegou a roubar a identidade do país: “pasamos da Galiza de Castelao e de Bóveda á do No-Do, a unha imaxe completamente deturpada do país”, declara. E para detallar estoutro espolio, a profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto falará de  "A Galiza em NO-DO”. 

Os espolios familiares

Existe un outro mecanismo de rapina moito menos estudado que é o que revela a escritora Susana Sanches Arins na súa obra Seique, na que reflexa a súa historia familiar: os pequenos espolios levados a cabo por individuos que, amparados na súa relación coa Falanxe ou con outros sectores dos golpistas, quedaban con propiedades de veciños e familiares a cambio de non denunciar as súas ideas disolventes.

Sanches Arins, que participará na mesa redonda "Cando a herdanza é a memoria", insiste en que este tipo de latrocinios “son espolios invisíbeis”, porque quedaron no ámbito privado, ou ben da veciñanza ou no seo da propia familia”. Este mecanismo era duplamente perverso “porque as persoas damnificadas acabaron considerándose vítimas de individuos particulares -dun irmán ou dun veciño- e non dun sistema. Non se decatan de que ese tipo de incautacións non poderían levarse a cabo se non existise unha estrutura de poder que amparaba esa usurpación. Todo iso formaba parte dun esquema de represión e represalia”. 

Nese sentido, opina Sanches Arins, “é preciso fomentar un proceso de reflexión entre as propias familias para dilucidar que foi o que realmente pasou. Nestes casos, é frecuente que non haxa unha documentación que testemuñe o realmente acaecido e que as novas xeracións ignoren o que sucedeu preciamente por tratarse dun tema tabú, do que non se falaba. Habería que abrir vías de investigación que revelen até que punto se fixo dano mesmo nos niveis máis íntimos e persoais. Hai que ter en conta que foron roubos pequenos, mais nunha época dunha tremenda carestía, cando ter unha leira de máis ou de menos podía decidir se unha familia pasaba fame ou non”.  

A herdanza da corrupción

"É moi importante visualizar a magnitude do espolio, mais sobre todo, é importante decatarse de que maneira aquilo que aconteceu segue a incidir no noso presente", explica Montse Fajardo. "As grandes oligarquías do franquismo seguen a ter un papel dirixente na sociedade, os grandes poderes están constituídos, en gran parte, polas mesmas familias".

Un dos obxectivos destas xornadas é revelar cales son esas continuidades entre a ditadura e a actual democracia.

"Non existiu unha verdadeira ruptura: os usos e os protagonistas do franquismo seguen a ser os mesmos, aínda que cun lixeiro verniz de democracia que lles outorgou un certo crédito. Precísase sinalar como esa herdanza impide que sexamos unha sociedade verdadeiramente democrática".

Comentarios