O Goberno español recoñece que a Lei de Memoria non dará pé a xulgar os crimes do franquismo

A lexislación penal non permite a retroactividade, di o ministro de Memoria Democrática, Félix Bolaños. Desde Podemos contradino, e afirman que si se poderán xulgar os crimes do franquismo. O BNG presenta 44 emendas "para rematar coa impunidade" e Feixoo ve un intento de distraer a atención. "É escandaloso", exclama o presidente da Xunta.
Monumento en memoria de Alexandre Bóveda (Foto: Fundación Alexandre Bóveda)
photo_camera O BNG propón declarar nulas as resolucións represivas, como a condena a morte de Alexandre Bóveda (Foto: Fundación Alexandre Bóveda)

O Executivo español recoñeceu esta quinta feira que a Lei de Memoria Democrática non dará pé a xulgar os crimes cometidos pola ditadura franquista. "Ningún cambio". O que se vai poder facer "é exactamente o mesmo que desde 2002". Así se expresou o ministro de Memoria Democrática, Félix Bolaños, que recoñeceu que as dificultades que existen agora para xulgar os crimes do franquismo seguirán a ser as mesmas, e que teñen que ver "coa irretroactividade da lexislación penal".

Bolaños asegurou que a nova lei impulsada polo Goberno estatal e as emendas pactadas entre PSOE e Podemos non significan derrogar nin deixar sen efecto a Lei de Amnistía de 1977. Todo o contrario, ratifícase a súa vixencia e reafírmase que se ten que interpretar conforme aos tratados internacionais. Por iso, admitiu que cando a nova norma entre en vigor, a situación xurídica en España seguirá a ser a mesma que desde 2002, cando se ratificou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e estableceuse que a lei debía aplicarse seguindo o dereito internacional. Nese sentido, incidiu en que, ao non ser a Lei de Memoria unha lei orgánica, non vai afectar á lexislación penal que, por outra banda, non permite a retroactividade, dixo.

Podemos contradí Bolaños

Pola súa banda, o portavoz de Unidas Podemos, Enrique Santiago, defendeu que a emenda pactada antonte co PSOE si permitirá xulgar os crimes do franquismo e acabar coa "impunidade", sen que exista opción a aplicar amnistía tal e como  mandata o dereito internacional. Esa emenda, dixo, é a "vía máis clara" para conseguir que os tribunais poidan investigar e xulgar crimes de guerra, xenocidio, tortura ou lesa humanidade.

O BNG emenda a lei e pide pór fin á impunidade

Para o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, as emendas pactadas entre PSOE e Podemos son "claramente insuficientes". O nacionalista explicou que "non vale con que a futura norma faga unha referencia a que todas as leis se aplicarán ao  amparo do dereito humanitario internacional, como expoñen os socios do Goberno, porque o recoñecemento dos crimes de guerra e os delitos de xenocidio, lesa humanidade e tortura xa eran  imprescriptíbeis e non deron lugar a ningunha acción xudicial en relación cos crimes do franquismo".

É por iso que entre as 44 emendas que onte presentou o BNG  márcase necesario suprimir os artigos da Lei de Amnistía "que amparan os delitos cometidos polos funcionarios e autoridades franquistas". Tamén avogan nas emendas por declarar ilegais -e non só ilexítimos como fai o texto do proxecto de lei- os consellos de guerra e os tribunais políticos do franquismo así como nulas de pleno dereito as sentenzas e resolucións represivas tanto de órganos xudiciais como administrativos.

Así, “de maneira específica, e do punto de vista simbólico mais con alto significado político”, o BNG propón declarar ilegais os consellos de guerra e nulas de pleno dereito todas as condenas neles ditadas, como a condena a morte do dirixente nacionalista Alexandre Bóveda, fusilado a 17 de agosto de 1936.

Da mesma maneira, as condenas e sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunal ou órgano penal ou administrativo durante a ditadura contra quen defendeu a legalidade institucional anterior, pretendeu o restabelecemento dun “réxime democrático ou tentou vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos”.

“A declaración de nulidade e ilegalidade terá que dar lugar ao dereito de reparación, non só moral, se non tamén á responsabilidade patrimonial do Estado”, indica o deputado nacionalista. A organización entende que a garantía do exercicio de dereito á xustiza e o fin da impunidade “ten que estar recollido no texto lexislativo” e, por tanto, a Administración do Estado ten que garantir o dereito das vítimas á xustiza, seguindo a legalidade internacional en materia de dereitos humanos.

Por outra banda, na definición de reparación integral “ten que ser entendida como o conxunto de medidas de restitución, indemnización, rehabilitación, satisfacción e garantías de non repetición, nas súas dimensións individual, colectiva, material, moral e simbólica orientadas ao restabelecemento dos dereitos das vítimas” explicou Rego, incluída a responsabilidade patrimonial do Estado na reparación das vítimas do franquismo.

Tamén reclama que se garanta o dereito á tutela xudicial efectiva das vítimas da ditadura, que a declaración como lugares de memoria democrática e a restitución de documentos corresponda ás comunidades autónomas, que se devolva á Galiza o patrimonio e bens incautados ou expoliados durante o franquismo e que o Pazo de Meirás sexa centro de recuperación da memoria.

Alén do máis, Rego fixo referencia ao recoñecemento expreso coa posibilidade de reparación material ás mulleres e nenas que foron encerradas nos centros do “Patronato de Protección da Muller”, entre 1941 e 1985. Así mesmo, reclama o recoñecemento da persecución lingüística para que se inclúan “non só as persoas senón tamén os pobos que foron represaliados ou perseguidos polo uso ou difusión da súa lingua propia”.

Feixoo ve un intento de “desviar a atención” detrás da emenda para xulgar os crimes franquistas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cualificou na mesma quinta feira de intento de "desviar a atención" a vía lexislativa que expuxo o Goberno de coalición PSOE-Podemos no Estado en relación a sortear a Lei de Amnistía de 1977 para investigar e xulgar -aínda que agora o PSOE non o ve factíbel- os crimes do franquismo.

"Hai que recoñecer que as habilidades do Goberno actual son superiores ás de calquera outro Goberno. Cada vez que hai un problema, busca un asunto para desviar a atención. Paréceme escandaloso que, cada vez que hai un problema, o Goberno saque da chistera un tema para desviar a atención", sentenciou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo.

Comentarios