Analizan a loita da guerrilla antifranquista en Ourense: "Na Galiza comeza en 1936 e segue até os anos 50"

Os historiadores Dionisio Pereira e Xosé Ramón Ermida presentaron nunha palestra organizada pola asociación Amigos da República Ourense o coleccionábel de Nós Diario sobre a guerrilla. No acto realizaron un achegamento á loita que levaron a cabo contra o franquismo.    
Xosé Ramón Ermida e Dionisio Pereira, esta cuarta feira, no Liceo de Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Ramón Ermida e Dionisio Pereira, esta cuarta feira, no Liceo de Ourense. (Foto: Nós Diario)

O Liceo de Ourense acolleu esta cuarta feira polo serán unha palestra  organizada por Amigos da República co título de 'A guerrilla antifranquista, un recoñecemento pendente' a cargo dos historiadores Dionisio Pereira González e Xosé Ramón Ermida Meilán. No mesmo acto presentouse o coleccionábel de Nós Diario 'As guerrillas galegas ao descuberto'.

"O tema da guerrilla segue a  espertar moito interese entre a cidadanía", asegura a Nós Diario Ermida Meilán, e pon como exemplo o propio coleccionábel que coordinou xunto a Pereira. Porén, salienta que "a bibliografía non se ten dedicado abondo a el, mesmo diría que moitos traballos xa realizados aínda están na clandestinidade".

Esta situación, cre o historiador, débese a que "incomoda pola propia presenza da guerrilla en defensa da legalidade coñecida do 14 de abril de 1931, o proceso constituínte que dá lugar á II República, e que choca con todo o que remata coa Constitución do 78 que parte da legalidade derivada do franquismo".

Por este motivo apunta que a guerrilla "debería ser reivindicada" por estarmos "diante unha experiencia única contra o fascismo que na Galiza comeza no 36 e alóngase até ben entrados os anos 50". Esta loita tería, para este investigador, "un gran apoio popular". 

Guerrilla e represión na raia seca

Dionisio Pereira, aproveitando que o acto tiña lugar en Ourense, explicou a situación que se viviu coa resistencia ao franquismo na raia seca. "Foi unha guerrilla singular, sempre se falou dela como despolitizada e non é certo", asegurou a Nós Diario. Ademais, introduciu información sobre o custo que tivo na poboación civil nas pequenas aldeas do norte de Portugal. 

"Pódese dicir que esa zona viviu en Estado de excepción non declarado desde 1936 até 1947", sinalou, "mesmo con xente que foi presa e outra que morreu polas torturas da PIDE", engadiu. A razón desta actividade de resistencia, segundo ohistoriador, viría pola "permeabilidade da fronteira que se artellou desde os primeiros momentos a través das redes culturais e comerciais que xa existían".

Neste caso, denuncia que as e os represaliados do norte de Portugal "nunca foron recoñecidos por ninguén" ao ser un activismo que iría "máis alá do político".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios