As guerrillas galegas ao descuberto

Xosé Ramón Ermida: “A militancia nacionalista loitou e morreu nas guerrillas”

Xosé Ramón Ermida Meilán (Foz,1973) é autor de diversas investigacións sobre a represión franquista, a historia do nacionalismo e os movementos sociais e políticos na Galiza contemporánea. Nesta quinta feira, achégase en Nós Diario á participación dos militantes nacionalistas na guerrilla antifranquista.

 

Xosé Ramón Hermida, historiador
photo_camera Xosé Ramón Ermida Meilán. (Foto: Nós Diario)

Que papel xogaron os militantes nacionalistas nos primeiros momentos da resistencia armada e no proceso de organización dos fuxidos?

A incorporación dos afiliados nacionalistas á oposición armada á ditadura franquista foi anterior á reorganización das estruturas partidarias patrióticas e remóntase aos momentos iniciais da guerrilla. Sen ir máis lonxe, nas primeiras agrupacións guerrilleiras galegas, conformadas nas terras de Valdeorras e da Mariña a finais de 1937 e comezos de 1938 xa están presentes antigos cadros do Partido Galeguista (PG).

Así, por exemplo, Modesto Vilar Ínsua “Modesto da Americana”, concelleiro do PG en Viveiro antes do golpe de Estado de 18 de xullo de 1936, fai parte da dirección do “Comité Tchapaief”, constituído en Viveiro en novembro de 1938 e considerado como primeira guerrilla conformada na Galiza.

Outro tanto, acontece en Valdeorras, coa coñecida partida do Córgomo, fundada a finais de 1937 após a caída da fronte norte e dirixida por Antón Arias Prada “Clavel”, presidente do Partido Galeguista na súa localidade, tenente alcalde de Vilamartín de Valdeorras en 1936 e tenente do Batallón Galiza durante a guerra en Asturias.

Até cando se demora a presenza de adherentes nacionalistas nas agrupacións e nas redes de apoio á guerrilla?

Practicamente até ao final da actividade da armada. Porén, o remate da II Guerra Mundial, a constatación de que as potencias aliadas non teñen previsto derrubar o réxime de Franco e a formalización das estruturas partidarias do nacionalismo vai introducir importantes mudanzas.

Neste sentido, até os anos 1946/1947 é doado seguir a presenza de afiliados nacionalistas nas organizacións guerrilleiras, tal como acontece na Federación con guerrilleiros como Arturo López Delgado ou nas primeiras unidades guerrilleiras impulsadas baixo a dirección do PCE e situados na orbita da Unión Nacional nas comarcas de Vigo ou de Compostela.

Malia que a partir de 1947 segue habendo nas agrupacións guerrilleiros de procedencia nacionalista, como Juan José Romero Ramos ou Manuel Gómez Varela “Fera Brava”, antigos dirixentes do Partido Galeguista en Mugardos durante o período republicano, ningún deles mantiña naquela ningunha ligazón orgánica ou ideolóxica co nacionalismo.

Aínda así, a participación de adherentes ou cadros nacionalistas na rede de enlaces, ou no que algúns autores dan en definir coa “guerrilla do chan”, nunca cesou como testemuñan o caso de Dámaso Carrasco no Salnés, Xosé Bieito Pazos en Vigo ou Luís Loureiro en Compostela.

"O núcleo nacionalista dirixido por Velo, Valenzuela e Otero Castelao entende que a loita armada é unha liña de acción básica para derrocar a ditadura"

Sinalaba con anterioridade que a incorporación dos afiliados nacionalistas á guerrilla foi anterior á reorganización das súas estruturas partidarias, cando se produce esta?

Realmente danse dous procesos parellos ao tempo que representan dúas orientacións tácticas diferentes sobre o camiño a seguir  polo nacionalismo.

A unha banda, atopamos a un núcleo de militantes do Partido Galeguista de antes de 1936, cuxos dirixentes máis significados son o antigo secretario xeral das Mocidades Galeguistas, Xosé Velo, o concelleiro nacionalista do PG en Rianxo Mariano Otero Castelao e o último secretario de organización do PG na zona leal, Ramón de Valenzuela, que desde 1943 defenden un nacionalismo articulado no ámbito da Unión Nacional e apostan polo actividade armada como método de loita para combater a ditadura.

Por outro lado, un grupo formado, tamén, por antigos afiliados das mocidades e do Partido Galeguista, como Ramón Piñeiro, Paco del Riego ou Gómez Roman Román encetan á comezos de 1944 o proceso de reconstitución do Partido Galeguista, en conexión con Daniel Castelao, e cos núcleos do exilio e da emigración. Este sector, claramente maioritario, partilla unha estratexia conxunta cos nacionalistas vascos e cataláns e lígase á táctica da ANFD.

Que importancia tivo a cuestión armada na diverxencia entre estas dúas pólas do nacionalismo?

É unha cuestión difícil de medir, porén o aspecto chave neste conflito son as diverxencias sobre a políticas de alianzas no ámbito galego e estatal e a consideración política da Galiza nese contexto e sobre todo o seu papel no Estado unha vez derrubada a ditadura franquista, algo que desde a derrota alemá en Stalingrado se dá por feito.

Agora ben as diferenzas en relación coa loita armada eran evidentes. Malia que o sector organizado no Partido Galeguista nunca condenou formalmente a loita armada e algúns dos seus dirixentes e adherentes colaboraron de diverso xeito coa guerrilla, hai un momento, a medida que avanza a segunda metade das década dos corenta, que analiza que a actividade armada é negativa para os intereses da causa democrática e de Galiza e aí aparecen condenas implícitas da mesma por parte dalgúns dirixentes.

Pola súa parte, o núcleo dirixido por Velo, Valenzuela e Otero Castelao entende que a loita armada é unha liña de acción básica para derrocar a ditadura e así teorizan a súa necesidade,como se pode ver no libro de Velo Muera España, Viva Hespaña. En coherencia con isto, varios militantes deste sector colaboran nas propias unidades guerrilleiras e fan parte da rede de enlaces.

"Máis de 100 militantes nacionalista foron asasinados polo ditadura"

Sinala no seu traballo que se trata  dunha aproximación as relacións entre a guerrilla e o nacionalismo, fica moito por aclarar?

Case todo. Sabemos, e iso si que fica documentado, da participación dos nacionalistas nas organizacións guerrilleiras. Tamén fica claro, que a importancia cuantitativa e cualitativa do corpo orgánico e social do nacionalismo na guerrilla é superior ao que tradicionalmente se lle vén asignando. En definitiva, a militancia nacionalista loitou e morreu nas guerrillas.

Porén, as relacións entre nacionalismo e guerrilla non escapan ás incógnitas que rodean o capitulo clandestino da loita patriótica e aos prexuízos dunha parte da historiografía sobre o nacionalismo de preguerra, interesada en presentalo como un movemento situado na dereita ou no centro, composto por xentes de orde e por conseguinte refractario a posicións de avanzada do nacional e no social. Ese mesmo esquema, leva a negar, contra todo o rigor histórico, a presenza dos militantes do Partido Galeguista, nas organizacións de clase ou matizar a represión sobre nacionalismo, cando máis de 100 militantes foron asasinados polo ditadura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios