'As guerrillas galegas ao descuberto'

Dionisio Pereira: "Centos de veciños da Raia Seca portuguesa pasaron polas cadeas da PIDE por apoiar a guerrilla"

Dionísio Pereira (A Coruña, 1953) leva moitos anos pescucando a moria da represión e da resistencia antifascista. Historiador, autor dunha abondosa bibliografía desde comezos da década dos 80, o 11 de outubro escribe en Nós Diario sobre a guerrilla na área da Raia Seca.

 

Dionisio Pereira
photo_camera Dionisio Pereira Foto: Nós Diario

Como e cando se establecen os primeiros núcleos guerrilleiros nas terras da Raia Seca?

Xa nos primeiros intres tras o golpe militar, existen grupos de fuxidos armados que procuran non caer nas mans da Guarda Fiscal ou da GNR portuguesas e ser concentrados cun futuro incerto en diversos fortes militares de Bragança, Chaves ou Melgaço. No período inicial da contenda, a continuidade dos pasos de fronteira dos grupos armados, chamou a atención en numerosas ocasións quer das autoridades franquistas, quer dos responsables das forzas represivas salazaristas e da propia diplomacia lusa. Logo, tras a caída da fronte de Asturias, conforme comezan a chegar á zona combatentes ben armados e con grande formación ideolóxica que fracasan nas súas tentativas de embarcar en Porto ou Lisboa para a zona leal á República ou Latinoamérica, comezan a se estruturar os primeiros grupos guerrilleiros que, a partir de 1938, actúan xa de xeito sistemático en territorio da Galiza, Seabra e O Bierzo.

"Nos primeiros intres tras o golpe militar, existen grupos de fuxidos armados que procuran non caer nas mans da Guarda Fiscal ou da GNR"

Que destacaría da resistencia armada ao franquismo nesta zona?

O feito da súa simbiose coa poboación civil transmontana, do Barroso e da contorna de Castro Laboreiro, introducidos os guerrilleiros por combatentes locais que gozaban da confianza dos campesiños-contrabandistas raiotos e adoitaban utilizar as redes sociais comunitarias e de veciñanza. Xente da raia como Cándido Losada “Malvavisco”, Eduardo Pérez Vega “Tameirón”, Demetrio García, Juan Salgado “O Juan” ou José Fernández Alonso “Pepe de Quinto”, exerceron de guieiros para numerosos guerrilleiros foráneos e descoñecidos naquelas terras promiscuas. A devandita simbiose, foi notabelmente favorecida pola decisión daqueles grupos insurxentes radicados alén a fronteira lusa, de non actuar no país veciño para non prexudicar á poboación que lles acollía. De feito, cando faltaron a esta regra, as consecuencias foron nefastas para a supervivencia das partidas en territorio portugués.

Algúns autores teñen cuestionado o carácter político da guerrilla na Raia Seca, que opina vostede ao respecto?

Aínda sabemos pouco do roteiro vital dos guerrilleiros raiotos que transitaron e se refuxiaron tras a fronteira e tamén das accións que levaron a cabo no sur da provincia de Ourense e no territorio berciano e seabrés. Compre, pois, investigar en maior medida e publicar monografías ao respecto. Dito isto, aportamos datos dos guerrilleiros citados na pregunta anterior e dalgúns máis, que desbotan a imaxe de “bandoleiros sociais” que algúns autores deixaron caer, se acaso por non seguir esta guerrilla os parámetros militantes e militaristas propiciados polo PCE a partir de 1945. Outra cousa é, que algunha partida, concretamente a dos “Cucos” composta por varios agricultores-contrabandistas de nacionalidade portuguesa, deixara unha lembranza negativa na zona que conviría calibrar relacionando a súa práctica co devalar da sociedade rural tensionada na que xurde.

Cal foi o apoio da poboación portuguesa á guerrilla galega e como foi a resposta do réxime de Salazar a esta axuda?

O apoio da poboación rural de Castro Laboreiro, da Serra da Peneda, do Barroso e da raia trasmontana, foi significativa; pola contra, as relacións coa oposición antisalazarista existiron pero foron pouco relevantes, agás no Cambedo onde o “aparelho de fronteira” do PCP contou coa axuda da guerrilla alí radicada. As autoridades portuguesas se decataron da convivencia entre a poboación da raia e a resistencia armada, concluíndo que estaba sustentada en vínculos de confianza relacionados co humanitarismo comunitario e as redes sociais estabelecidas secularmente entre ambas bandas da fronteira a través do contrabando, do pastoreo e do intercambio económico e cultural, por riba dos estados. Mais a situación acaso virou perigosa para o Estado Novo, nunha conxuntura na que antigos combatentes portugueses na fronte de Asturias e numerosos emigrantes en Francia que fuxiran da invasión alemá no comezo da IIª Guerra Mundial, retornan ás aldeas raianas e dan lugar a unha certa axitación nun territorio moi conservador no político e no relixioso. Como proba, velaí a presenza activa de cidadáns portugueses nas partidas da raia, quer como enlaces, quer como guerrilleiros. En consecuencia, a reacción do salazarismo foi moi dura: centos de veciños e veciñas daquelas contornas pasaron polas cadeas da PIDE en Bragança, Chaves, Melgaço e Porto acusadas de colaborar coa guerrilla e, mesmo, dúas persoas, unha de Sernande (Vinhais) e outra de Sanfins da Castanheira (Chaves), morrerán polas torturas. En resumidas contas, a Raia Seca portuguesa vivirá entre 1936 e 1947 nun estado de excepción non declarado.

"A Raia Seca portuguesa vivirá entre 1936 e 1947 nun estado de excepción non declarado"

Que factores explican a desaparición da guerrilla en territorio portugués?

Dende un primeiro intre, as autoridades españolas alertadas pola progresiva intensidade das accións armadas en boa parte da provincia de Ourense, instaron ao réxime de Salazar para que actuase contra os guerrilleiros e os seus colaboradores en territorio luso. Mais a negativa das potencias vencedoras na IIª Guerra Mundial a intervir na Península Ibérica reforzou ambas ditaduras e dará lugar a un maior incremento da represión a partir de 1946, agora mediante numerosas operacións conxuntas de limpeza coordinadas a ambas bandas da fronteira, sen desbotar tampouco a presenza efectiva da policía española e da Garda Civil coas súas contrapartidas en terreo luso. Neste difícil contexto, a guerrilla cometeu algúns graves erros políticos ao actuar en Portugal, o que provocou a intervención masiva non só da Guarda Fiscal, da GNR e da PIDE, senón mesmo do exército portugués, desenvolvéndose unha persecución implacable simbolizada na chamada “batalla de Cambedo” coa que prácticamente remata a presenza da guerrilla alén da raia seca galaico-portuguesa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios