As guerrillas galegas ao descuberto

Ramón Ermida: “O Gardarríos” é o home mito da guerrilla mariñá”

Xosé Ramón Ermida Meilán (Foz,1973) é autor de diversas investigacións sobre a represión franquista, a historia do nacionalismo e os movementos sociais e políticos na Galiza contemporánea. Nesta cuarta feira, achégase en Nós Diario á figura de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”.

Xosé Ramón Hermida, historiador
photo_camera Xosé Ramón Ermida Meilán. (Foto:Nós Diario)

Non é a primeira vez que se ten ocupado da figura do “Gardarríos”, de onde lle ven ese interese polo personaxe?

“O Gardarrios” é unha figura moi viva para moitas xeracións de mariñaos. Eu crieime escoitando as súas historias na miña casa. Sen ir máis lonxe, meu pai cando era cativo xogaba cos amigos ao “Gardarríos” e a Garda Civil e dicíame que todos os nenos querían ser “O Gardarríos”. Este xogo era moi habitual na Mariña dos anos 40, tanto é así que o propio Antón Moreda, futuro secretario xeral do Consello da Mocidade, lembraba xogar ao mesmo, neste caso en San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros.

Supoño que isto marcoume para que fai máis de 25 anos comezara a gravar a xente que colaborou como enlace con “Gardarríos” e que mesmo naquela altura promovera canda outros compañeiros a primeira homenaxe pública organizada ao guerrilleiro na Galiza, onde tomaran a palabra Bernardo Maiz e unha filla do guerrilleiro.

A día de hoxe “O Gardarríos” continúa moi presente na memoria dos mariñaos. Concretamente, en 2018, coincidindo co 70 aniversario do seu asasinato, organizouse unha homenaxe en Mondoñedo e Lourenzá e colocouse un monólito na súa tumba para lembralo. Por aqueles actos pasaron máis de 500 persoas da Mariña de todas as idades e o mesmo contou co apoio de todos os grupos políticos das corporacións de Lourenzá e Mondoñedo. Penso que iso é un bo exemplo do que segue significando e representando.

En definitiva, aínda a día de hoxe “O Gardarríos” é o home mito da guerrilla mariñá.

No seu traballo céntrase na etapa clandestina de Trigo e do grupo de guerrilleiros socialistas organizados ao seu arredor, porén que sabemos dos seus primeiros compromisos políticos?

“O Gardarríos” é outro galego que toma conciencia política na emigración. Malia nacer nun fogar republicano, seu avó  fora concelleiro republicano federal durante a I República e o pai continuara a militancia nas mesmas filas durante a I Restauración, a súa estadía na illa de Cuba foi decisiva

Alí tomou contacto primeiramente co movemento sindical, concretamente coa asociación dos traballadores da madeira de Santiago de Cuba, e posteriormente co marxismo. Un exemplo disto, atopámolo nos libros da súa casa familiar de Cabanas, no actual termo municipal do Vicedo, onde as fillas e a compañeira conservaron, malia a represión, publicacións diversas dese período, como  un traballo biográfico sobre Sacco e Vanzetti.

"Trigo foi presidente do PSOE de Mondoñedo entre 1931 e 1936"

Luís Trigo “O Gardarríos” foi un dos impulsores do movemento socialista na comarca de Mondoñedo, que destacaría desta etapa da súa vida?

A comezo de abril de 1931 xa participou na constitución formal da agrupación socialista da localidade, herdeira dos antigos núcleos uxetistas que operaron na cidade a comezos da década dos 20 e presidida polo destacado escultor e tallista Xaquín Ares, que escapara de Barcelona após a semana tráxica fuxindo da represión.

Porén, a finais de 1931 Trigo foi elixido presidente da agrupación local do partido, mandándose ininterrompidamente no cargo até xullo de 1936, despregando unha intensa actividade que rematará por consolidar un núcleo de  32 afiliados, nunha realidade política complicada polo fortaleza das forzas da dereita e o peso de Izquierda Republicana no espazo democrático.

Ao tempo, destacou como cadro da UGT, moi particularmente da súa Federación de traballadores da terra, que chegou a organizar a 400 persoas, favorecida pola ascendencia no ámbito agrario de persoas como Emilio González Valoría “O Purrelo”, reputado albeitar, ou do propio Trigo, persoa considerada e querida pola súa profesión de gardarríos.

Como definiría no ideolóxico a Luís Trigo e que destacaría das súas preocupacións neste ámbito?

A súa posición ideolóxica situábase na esquerda do Partido Socialista, partillando as teses de Largo Caballero. Isto é sinalado polo propio Trigo en diversas resolución asinadas como presidente da agrupación socialista de Mondoñedo nos momentos previos á revolución de 1934. El mesmo foi detido e procesado por participar nestes feitos, ao igual que outras persoas que xogaron anos máis tarde un papel de destaque na guerrilla mariñá como José Temblás.

E este compromiso socialista mantívoo até o final, mesmo mantendo unhas relacións moi conflitivas cos guerrilleiros ligados ao Partido Comunista e seguindo participando das estruturas clandestinas do PSOE na Mariña até a súa morte. Tanto é así, que a caída de Trigo provoca a destrución das diversas agrupacións coas que contaba o PSOE na comarca, xa que a práctica totalidade dos seus militantes actuaban como enlaces.

De todos xeitos, os escritos publicados por Trigo con anterioridade a 1936 nas publicación socialistas da Mariña, sobre todo en El Momento de Viveiro, permítenos coñecer de xeito bastante preciso o seu pensamento. A defensa do amor libre e do naturismo, o combate ao clericalismo, a análise e divulgación de temas de filosofía marxista como a ditadura do proletariado, a crítica ás limitacións do marco legal republicano para pór en marcha mudanzas estruturais ou a posta en valor da militancia, foron algunhas das súas preocupacións.

"A contrapartida de Morado foi a máis temida e cruel da Mariña"

Remata o seu traballo debuxando as causas da súa caída e o aparello represivo contra a guerrilla na comarca?

Penso que é urxente estudar e analizar o funcionamento dos corpos represivos na loita guerrilleira e, moi particularmente, da “brigadilla” e das “contrapartidas”, algo do que sabemos moi pouco na Galiza e resulta chave para explicar o fin da resistencia armada.

No caso concreto do “Gardarríos” a súa caída é resultado dunha actuación da “brigadilla” que consegue infiltrarse na súa rede de enlaces e a partir de aí preparar a acción que rematou coa súa morte e a da súa compañeira Antonio Díaz

Neste caso destaca a labor de dous profesionais do terror. A unha banda, o policía Sebastián Fernández, membro da brigada criminal de Madrid e que mesmo levara adiante as negociacións con diferentes membros da guerrilla de Trigo para pór fin á resistencia armada. Noutra banda, Antonio Morado Rico, un garda civil que actuou contra a guerrilla no País Valenciá, en Asturias e diversas comarcas da Galiza.

A contrapartida de Morado foi a máis temida e cruel da Mariña, como demostra as referencias á mesma na prensa do exilio ou mesmo na información procedente das causa militares.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios