'As guerrillas galegas ao descuberto'

Dionisio Pereira: "A guerrilla galega foi un modelo de resistencia popular"

Dionísio Pereira (A Coruña, 1953) é unha referencia obrigada da historiografía galega. Autor de traballos imprescindíbeis sobre os movementos sociais, a represión franquista e a resistencia na Galiza contemporánea, o 3 de novembro achega en parcería con Eliseo Fernández nas páxinas de Nós Diario, unha investigación sobre a primeira guerrilla antifranquista
photo_camera Dionisio Pereira. Foto:Nós Diario

Como e cando xorden os primeiros núcleos de resistencia armada ao franquismo na Galiza?

A resistencia armada dá fe de vida da súa existencia dende o mesmo intre en que o golpe de estado militar triunfa na Galiza. Primeiro na propia contorna das cidades como Ferrol, Vigo, Coruña ou Vilagarcía, onde se producen numerosas sabotaxes, e logo en zonas máis arredadas ás que son empurrados os resistentes, dende o Monte Galleiro ate os Montes de Casaio, pasando polas Serras do Faro ou do Xistral. Aos poucos, estes grupos de fuxidos engrosaron con rapaces que desertaran do exército faccioso, de maneira que dende 1938 houbo na zona de Casaio-Carballeda de Valdeorras asentamentos máis ou menos estables nos que os escapados construíron chozos alentando o que despois se chamará “Cidade da Selva”. Porén, o sistema de supervivencia máis común, que a maioría das partidas elixiron dentro dunha notoria pluralidade ideolóxica, foi un modelo de resistencia popular baseado na convivencia nos pequenos núcleos de poboación, cuns enlaces aos que lles unían vínculos de confianza e afinidade antifascista.

Sinalan no seu traballo que entre 1936 e 1940 operaron na Galiza 65 grupos guerrilleiros, cales eras as súas zonas principais de actuación e a súa composición social?

Basicamente as contornas de Vigo, Vilagarcía e Ferrol, con grupos moi influídos polo ilegalizado movemento operario. O Eume onde se agachaban moitos rapaces desertores do exército. Ortegal no que destacaba o Grupo Neira se acaso unha das partidas máis ambiciosas na súa faciana organizativa, pois tense sinalado que a súa actividade se estendeu posteriormente até A Mariña e zonas da Costa da Morte ou Palas de Rei enlazando co “Gardarríos”, o grupo inicial de “Foucellas” e con “Curuxás”. Ancares onde confluían grupos de León e Asturias. A Raia Seca galaico-portuguesa onde atopaban retagarda axeitada unha chea de grupos entre Castro Laboreiro e Bragança, o sur da provincia de Lugo e, sobre todo, Valdeorras que foi xa dende ese intre zona de confluencia da guerrilla do noroeste da Península Ibérica e senlleiro epicentro do seu ámbito de intervención, que incluía asemade O Bolo, Terra de Trives, O Courel, Quiroga e a Terra de Lemos. Os seus compoñentes eran, sobre todo, traballadores manuais, obreiros e labregos, de distintos idearios, perseguidos polas novas autoridades franquistas. Entre eles, as mulleres eran moi minoritarias, pero xa estaban presentes.

Cando remata a Guerra Civil e xurde a guerrilla propiamente dita, non o fai da nada, senón nun territorio xa moi traballado.

En que centraron a súa actividade estas primeiras guerrillas e cales foron algunhas das accións de máis relevo?

Cando remata a Guerra Civil e xurde a guerrilla propiamente dita, non o fai da nada, senón nun territorio xa moi traballado. Se ben as accións iniciais dos grupos armados son de carácter defensivo para conseguir armas, roupa e comida, dende un primeiro intre a resistencia armada recolle a memoria popular da represión e actúa contra represores e delatores. Entre  1936 e 1940 coñecemos unhas 20 accións, maiormente nas contornas de Vigo e Ferrol, na bisbarra de Valdeorras e no norte da provincia de Lugo; velaí ao "Gardarríos", axustizando na primavera de 1940 ao destacado falanxista José Viador, na Fraga Vella de Mondoñedo…E a nivel organizativo, xa se detectan as primeiras tentativas de se coordinar e actuar en común, caso do Comité Tchapaieff  constituído en 1938 polos grupos de Neira, “Gardarríos”, Temblás e o dos mariñeiros de Viveiro-Celeiro, estendéndose en 1940 ao dos irmáns Eibe Villar. Canto ás accións, conforme avanza 1938 na contorna de Valdeorras e na raia de A Gudiña xa se detectan episodios nos que a guerrilla amosa un alto grao de preparación e inflixe duras perdas á Garda Civil e á Lexión.

Que características presentan estes primeiros grupos que os diferencian doutras etapas da loita guerrilleira na Galiza?

Aos poucos e sen ningunha influencia do Goberno republicano, primeiro, e do exilio máis tarde, agromou unha guerrilla singular, conformada dende unha base local e popular reforzada por antigos combatentes da fronte de Asturias de intensa formación política; unha guerrilla organizada segundo a súa propia experiencia, as variadas identidades locais e unha diversidade ideolóxica moi notoria e non polas directrices orgánicas de ningún partido ou sindicato. E botou a andar de xeito definitivo tras os sucesivos fracasos (en 1939 e 1940) das evasións vía Portugal á zona leal ou á Latinoamérica, que desbotaron calquera outra posibilidade que non fora coordinar e fortalecer as partidas, estruturando a guerrilla con criterios políticos de unidade antifranquista, de cara a un posíbel final favorable aos aliados da IIª Guerra Mundial.

Na zona republicana existía constancia do descontento da poboación galega e das actividades de resistencia armada, mesmo na prensa de guerra non son raras as reportaxes sobre a incipiente guerrilla

Malia o alcance da resistencia armada na Galiza entre 1936 e 1939, como explica que as autoridades republicanas non tentaran en ningún momento contactar ou coordinarse con ela?

Na zona republicana existía constancia do descontento da poboación galega e das actividades de resistencia armada, mesmo na prensa de guerra non son raras as reportaxes sobre a incipiente guerrilla. Con todo, non nos consta que houbera contactos efectivos, malia os desexos de certas unidades militares republicanas de maioría galaica de se trasladar á fronte máis próxima a Galiza. A tradicional desconfianza nas iniciativas populares e a vacilación do goberno republicano diante dunha guerra “irregular” sen control, se acaso constituíron impedimentos para que as autoridades leais impulsaran guerrillas na retagarda franquista, aínda que tamén puido influír o debate sobre a militarización ou non das tropas republicanas, debate que rematou coa vitoria da visión máis militarista.

Semella, pois, que foi unha oportunidade perdida posto que a confirmación de que aquela actividade guerrilleira podía se converter nun serio problema para os sublevados, está na decisión tomada no primeiro trimestre de 1939 de trasladar ao sueste de Ourense e ao Bierzo a 3ª Bandeira da Lexión e, pouco despois, un Tabor de Regulares, considerándose xa entón o territorio comprendido entre Valdeorras, O Bolo, O Bierzo e A Cabreira Alta, zona de guerra. En todo caso, o volume e a persistencia das accións desta guerrilla primixenia revela a imaxe dunha retagarda, a galega, lonxe de estar pacificada e sometida.

Comentarios