Córsega debate se declarar o corso cooficial

'Corsu, Ti tengu caru' (Corso, quérote). A cuestión da oficialidade do corso volve, máis unha vez á asemblea da illa. Un 90% da poboación estaría a prol da cooficialidade. A sesión deste 25 de abril, onde se ía votar a proposta, adiouse por mor do asasinato dun político corso.

Corsica

Debe o corso ser un idioma oficial en Córsega? Debe a illa ter como cooficial, e en igualdade de condicións co francés, o seu idioma propio? Estas cuestións ían ter resposta neste 25 de abril na sesión da Asemblea de Córsega (CTC ). Mais a sesión foi suspendida polo asasinato a media mañá de Jean-Luc Chiappini, presidente do Parque Natural de Córsega e ex-parlamentar na cámara da illa.

A Unesco alerta do risco de desaparición deste idioma 

A decisión sobre o idioma corso fica, pois, adiada. O tema volvía se debater após que en 2009 a maioría pro-francesa botase abaixo a cooficialidade. Naquel entón, 28 d@s 51 diputad@s da asemblea rexeitaran a moción presentada por Corsica Nazione Indipendente (CNI) para que o corso fose equiparado ao francés. Argumentaban os parlamentares unionistas que só o 12% dos alumnos da illa demandaban un ensino bilingüe ou que a oficialidade do corso “podería ser interpretada como un movemento contra o francés”. 

Apoio popular

Segundo unha recente enquisa sociolingüística encomendada pola CTC, por volta do 90% dos e das corsas apoian a cooficialidade do idioma propio da illa. O número de persoas que saben falar esta língua móvese entre as 80 e as 130.000 persoas, dun total de 280.000 habitantes de Córsega.

Francia non recoñeceu este idioma como cooficial, Só ten status de 'lingua rexional'

O Cunsigliu di a Lingua Corsa é o organismo do CTC que vela por este idioma. O corso é unha lingua romñanica, derivada do latín. Non está recoñecida como dioma oficial nesta illa baixo soberanía francesa, tendo só un estatus de 'língua rexional'. A Unesco ten advertido sobre o risco de desaparición deste idioma. En 1980, por volta do 80% dos habitantes da illa tiña algún coñecemento de corso. A procentaxe caeu o 50% na década dos 90.

Na asemblea corsa están representados dous partidos nacionalistas: U Partitu di a Nazione Corsa (PNC) e Corsica Libera. Os primeiros teñen 11 deputad@s,mentres os segundos posúen 4 parlamentares.

Comentarios