Queremos Galego chama á revolta virtual após tres anos da protesta que quitou 100 mil persoas á rúa

#OhomeQueOrdenouAmaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936Non MereceSerReelixidoPresidenteDaXunta. Máis longo do habitual, é o hashtag proposto pola plataforma para facer trending topic da defensa da nosa lingua e o rexeitamento ás políticas que contra ela desenvolveu o PP nestes tres anos.
Momento da rolda de prensa de Queremos Galego o 18 de outubro en Compostela
photo_camera Momento da rolda de prensa [Marcos Guisasola]

O 18 de outubro de 2009 era domingo. Pasaban quince minutos das doce do mediodía cando, entre aplausos e o son das gaitas, ao redor de 100 mil persoas botaron a andar desde a Alameda de Compostela cara á praza da Quintana. Partillaban unha reivindicación: a defensa do noso idioma e a rebeldía contra a política lingüística da Xunta e do Presidente Feijóo.

"O goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potenciar a lingua propia do país e garantir os seus usos oficiais", dicía un bocadiño do texto colocado nas voandeiras que Queremos Galego repartiu para chamar á mobilización. Esta cuarta, na véspera de que se fagan tres anos da multitudinaria protesta, a coordinadora da xestora da plataforma cidadá, Susana Méndez, volveu ler aquel texto para deixar constancia de que "a pesares do tempo, non perdeu vixencia".

Facer TT da defensa da lingua

Así as cousas, o aniversario da mobilización celebrarase con máis unha mobilización, desta volta nas redes sociais. Queremos Galego chama a "todas as persoas que teñan sensibilidade pola nosa lingua" a se revolveren no twitter. A protesta virtual está convocada para a quinta feira, entre as 12 e as 13 horas, e o hashtag proposto para convertelo en trending topic --TT-- é o que se destaca. Por ser máis longo do habitual, achegan tamén unha alternativa máis breve e co mesmo obxectivo: #FeijóoFahrenheit451

#OhomeQueOrdenou AmaiorDestruciónDeLibros EnGalegoDesde1936 NonMereceSerReelixido PresidenteDaXunta

"Destruír libros, estean na lingua que estean, é unha barbaridade. E Feijóo mandou destruír 190 mil libros porque estaban escritos en galego", subliñou o voceiro da plataforma, Carlos Callón, durante a conferencia de imprensa convocada para valorar a situación da nosa lingua estes tres anos.

Recordaron como nuns meses, en 2009, entre abril --cando Feijóo tomou posesión-- e outubro, o PP tomou un abano de decisións "dirixidas a anular medidas positivas": a derrogación do decreto do 50% que regulaba a presenza do galego no ensino, coa "mal chamada" consulta ás familias "e o seu ronsel de irregularidades"; a supresión das axudas á tradución de libros; ou a contrarreforma da lei de función pública, "só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega".

A radio e a televisión públicas galegas, ausentes

Na liña, Carlos Callón aproveitou a oportunidade para agradecer a presenza da televisión pública de Catalunya e remarcar máis unha vez a ausencia da radio e da televisión galegas. "Nestes tres anos, Queremos Galego só saiu unha vez na TVG unha vez, o 17 de maio". Enfatizou Callón que o trienio de Feijóo na Xunta foi "unha barbaridade en moitos ámbitos, tamén para a nosa lingua", e cualificou esta como "a máis desprotexida" de todo o Estado español.

En resposta ao argumento que o PP recuperou para a campaña electoral, en que din ser a única opción política que garante que cadaquen falará na lingua que escolla, enfatizou Callón que "non existe equilibrio" cando o programa para usar nos xulgados galegos "distribuído pola propia Xunta" non contempla opción na nosa lingua; nin tampouco cando "non tes nin a máis mínima capacidade de educar os teus fillos en galego, nin querendo", recordando a experiencia na elaboración do informe sobre o galego na educación infantil que nestes días presentou A Mesa e onde nalgún centro recoñeceron que, aínda que no inquérito realizado as familias escolleron maioritariamente aulas na lingua propia, no colexio decidiron aínda así falarlles en español.

Por derradeiro, sinalou o debuxante Xosé Lois O Carrabouxo, que animou cos seus cantos moitas protestas de Queremos Galego, que "un gentleman que empeza e acaba os debates na televisión pública galega cun bilingüista buenas noches/boas noites non merece ser votado". E concluíu: "o que queren é entregarlle a Madrid unha Galiza submisa, pobre e sen lingua".

Comentarios