“A xente que traballamos polo galego estamos acostumada aos esforzos, e de moitos tipos, e, como seguro que imos ter que seguir facéndoos, desde a CTNL propomos unha xornada de convivencia, saúde, natureza, paisaxe e, por que non, tamén cun chisco de esforzo conxunto. Así que, o sábado 22 de xuño, imos botar a lingua de fóra...: subimos ao olimpo Celta, ao Monte Pindo!”. Con este convite, desde a CTNL chámase a unha xornada de lecer, de compaña e, tamén, de compromiso co idioma. @s interesados en participar deben enviar un correo-e co teu nome e teléfono ao enderezo [email protected] ata o 18 de xuño
A quedada é ás 10.30 h do sábado 22 de xuño diante da capela, na parroquia do Pindo (Carnota), mesmiño a pé da praia. Cómpre ser moi puntuais, recomendan desde a organización.”Arrancamos puntuais e, despois de camiñarmos uns 4,5 km, contamos con chegarmos arriba, á Moa, sobre as 13.30 h. Observamos, falamos, aprendemos, sacamos unha foto ensinando a lingua, xantamos (cada quen debe levar a súa comida), descansamos..., e comezamos a baixar sobre as 16.00 h. Aí sobre as 18.00 h, máis ou menos, chegaremos abaixo, e se o tempo acompaña, se queremos, aínda nos poderemos dar un baño na praia ou coñecer algo máis por alí”.
Consellos e recomendacións
A organización aconsella que se pense “en que cousas podes necesitar, como por exemplo: roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar polo monte, mochila, chuvasqueiro (non vaia ser o demo), gorra, protección solar (tamén, non vaia ser o demo), cámara de fotos, xantar (que non pese moito para levar na mochila), auga (mellor en cantimplora, que vai fresquiña e é reutilizábel), roupa de baño (por se queres despois aproveitar a praia), espírito de convivencia, paciencia, ánimo, gañas de pasalo ben conxuntamente, conversa, etc....”
Organizada pola CTNL, esta actividade conta coa colaboración da Asociación Monte Pindo Parque Natural,