A 'Liña do galego' tramitou 1.048 expedientes en 2022: que administracións e empresas "vulneran" máis os dereitos lingüísticos?

O informe anual da 'Liña do Galego' da Mesa recolleu un total de 469 ao longo do pasado ano, a meirande parte delas relacionadas coa conculcación do dereito a expresarse na lingua propia do país. Á cabeza fican as administracións públicas, nomeadamente as entidades adscritas ás Xunta da Galiza.
Sara Seco, Marcos Maceira e Soledad Agra, esta segunda feira, presentando o informe en rolda de prensa. (Foto: Arxina)
photo_camera Sara Seco, Marcos Maceira e Soledad Agra, esta segunda feira, presentando o informe en rolda de prensa. (Foto: Arxina)

"Esto es España, o me habla en castellano o no lo atiendo". Malia gozar —por lei— a lingua galega do status pleno de oficialidade na Galiza, hoxe as persoas galegofalantes seguen a verse sometidas a facer "maiores esforzos" para usala e defender o dereito a facelo que as que empregan o castelán. E isto acontece especialmente no sector privado, mais non só, pois tamén desde a Administración pública xorden atrancos ao dereito da cidadanía a se expresar integramente en galego en todos os ámbitos da súa vida. Así o constata o informe anual da 'Liña do Galego'.

Este servizo que impulsa a Mesa pola Normalización Lingüística tramitou ao longo do pasado ano un total de 1.048 expedientes, 447 máis que en 2021. O que máis medraron foron as consultas —dúbidas sobre os dereitos lingüísticos e como defendelos—, 536 presentadas fronte ás 55 do exercicio precedente, mentres as queixas se reduciron levemente, pasando de 488 a 469, e os 43 expedientes restantes foron para 'parabenizar' institucións e entidades que promoven o uso do idioma propio do país.

Dentro das queixas, máis da metade están relacionadas coa imposibilidade de uso do galego na atención oral e escrita (17%), os servizos online (21%) e outras situacións de "exclusión lingüística" (20%). "É unha anomalía nun país no que teoricamente a súa lingua propia é oficial, mais que contrasta coas posibilidades reais de uso", denunciou esta segunda feira o presidente da Mesa, Marcos Maceira, na rolda de prensa na que presentou o documento canda a súa responsábel, Sara Seco, e a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra. Salientan tamén as queixas por deturpación de topónimos (22%) e en rótulos e sinais (20%).

Queixas segundo as entidades implicadas.
Queixas segundo as entidades implicadas.

As administracións públicas concentraron en 2022 o maior volume de protestas cidadás (51%), entre as que destaca a Consellaría de Sanidade. Após a Xunta da Galiza (37%) fican, moi próximas, a Administración estatal (33%) e a local (30%). E, dentro das entidades locais, fica á cabeza o Concello de Ribeira (21%), seguido dos de Ourense e Vigo (11%) e mais A Coruña (10%).

En segunda posición por número de queixas sitúanse as empresas de servizos (33%), seguidas doutras institucións privadas (7%), entidades bancarias (5%) e medios de comunicación (4%). Dentro das empresas de servizos salientan as queixas formuladas arredor de El Corte Inglés (15% dentro deste segmento), Naturgy (13%), Google e Ikea (9%), e no sector das finanzas sobresae especialmente unha entidade, precisamente, con sede na Galiza, Abanca (63% deste total), seguida de Banco Sabadell (19%) e Banco Santander (13%).

"A Xunta da Galiza non só abdica das súas responsabilidades, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas"

Sara Seco, pola súa parte, salientou como os casos máis "preocupantes" aqueles nos que "as empresas se atreven, amparadas na impunidade, a recriminaren á súa clientela o uso da lingua galega, instándoa a usar o castelán para completar os servizos solicitados". "A chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos está á orde do día", sentenciou Marcos Maceira.

Entre outros aspectos, o informe conclúe que a Administración galega, "con funcións e competencias para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía galega, non só abdica das súas responsabilidades, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación coa lingua galega". "A situación sería diferente se a Xunta da Galiza asumise un compromiso claro na defensa do galego, non só en relación coa súa propia acción, senón tamén respecto das empresas, entidades ou administracións coas que traballa", engade.

"Éxitos" da 'Liña do galego'

As queixas por vulneración de dereitos lingüísticos non son en balde e, de feito, moitas das presentadas perante a 'Liña do galego' en 2022 traducíronse en pequenas vitorias para a lingua.  Entre os "éxitos" do pasado ano, desde a Mesa salientan a corrección de topónimos deturpados, como foi o caso de 'La Coruña' na empresa telefónica Más Móvil, o Ministerio de Transportes —por cartaces situados na estrada N-634— ou o propio Concello —nas dependencias de Urbanismo—.

Tamén se notificou a ausencia do galego en múltiples trámites relativos aos ministerios de Xustiza e de Seguridade Social, a Consellaría de Sanidade —numerosos casos—, o Concello de Vigo ou a Policía local de Ourense, expedientes todos eles que se fecharon con senllas rectificacións.

Comentarios