Un "chío" polo galego

A conta reivindicativa Twitter en galego, que xa suma máis dunha década de traxectoria, anima á cidadanía a comezar a usar a aplicación no idioma propio da Galiza.
Imaxe promocional da conta Twitter en Galego. (Foto: Twitter)
photo_camera Imaxe promocional da conta Twitter en Galego. (Foto: Twitter)

Após moito traballo de reivindicación, a conta Twitter en galego vén de animar á cidadanía galega a chiar na lingua da terra.

A Mesa pola Normalización Lingüística tamén apostou nese impulso unha vez que a aplicación para o ordenador xa pode ser configurada con normalidade en galego.

Twitter en galego, que xa ten máis de 10 anos, explicou esta sexta feira como configurar cada conta para dispoñer da mesma con todas as referencias no idioma da Galiza.

A intención da plataforma é seguir loitando pola presenza da lingua neste tipo de ferramentas sociais polo que anima á xente a traballar nese sentido e mesmo achegou unha rápida clase tecnolóxica a través dun chío.

“Entra no teu perfil de Twitter e preme nos tres puntiños de ‘More’ que se atopan no menú da esquerda da pantalla”, indica.

Así, invita ás e aos galegofalantes a acceder ao menú despregábel para seleccionar “Settings and privacy”. “A continuación en ‘Settings’ selecciona ‘Account Information’ e introduce o teu contrasinal”, aclaran.

Xa feito ese paso, a última etapa do camiño cara os chíos polo galego é escoller ‘Languages’ e no apartado ‘Display language’ escolle ‘Galician (beta) - galego’, que aínda está en probas.

“Debes saber que de momento só se pode configurar en galego a versión para computador. A meta desta iniciativa é que nun futuro, cando Twitter o permita, poder chiar tamén desde calquera móbil”, destaca, agardando un paso máis se a xente se mobiliza.

Comentarios