Xaquín Marín, Agrupación Ío e Twitter en galego gañan os Rosalía de Lingua

A Deputación da Coruña falla os premios Rosalía de Castro de Lingua, que premian persoas, entidades e iniciativas e que están dotados con 2.100 euros en cada categoría.
44dae610471052cb72ca99002f3e0c9a_f40072
photo_camera Imaxe da xuntanza na que o xurado tomou a decisión de conceder os XII Premios Rosalía de Castro de Lingua. (Foto: Nós Diario)

A Deputación da Coruña fallou na xornada de hoxe os XII Premios Rosalía de Castro de Lingua, que recoñecen a “persoas e entidades que traballan na promoción do galego” e que este ano recaeron no debuxante Xaquín Marín, na Agrupación Astronómica Ío e na iniciativa Twitter en galego.

O debuxante Xaquín Marín foi o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua por, segundo o xurado, “o compromiso continuado, o alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación nos que a presenza do galego era residual”.

Na categoría de entidade, o xurado dos Premios Rosalía de Castro de Lingua, destacaron a promoción feita desde a Agrupación Astronomía Ío, “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma”.

O xurado tamén destacou que a Agrupación Astronómica Ío a súa “énfase na creación lexical que demanda a especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor”.

Da Agrupación Astronómica Ío tamén se destacou que asesora a Real Academia Galega “no nomeamento de 88 constelacións e promoveu unha campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela”.

En terceiro lugar, a iniciativa Twitter en galego, promovido por Carlos García Vieito, recibiu o galardón na categoría de proxecto de dinamización lingüística, da que o xurado sinalou que “o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua fornece un referente nas redes sociais para o público xeral e para a mocidade en particular”.

Cada un dos premios, dotado con 2.100 euros, “recaeron en persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para a nosa lingua”, afirmou a deputada de Normalización Lingüística María Muíño, integrante do xurado dos galardóns xunto á técnica de normalización da Coruña, Julia Rigueiro; o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano; e as gañadoras da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate.

Comentarios