A UE despacha en cinco minutos o debate sobre o recoñecemento do galego polo atraso do Goberno estatal

A delegación española presentou tarde a documentación necesaria para que o punto fose examinado.
O secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro (Foto: H.Bilbao / Europa Press).
photo_camera O secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro (Foto: H.Bilbao / Europa Press).

O debate entre os Estados da Unión Europea (UE) sobre os avances para o recoñecemento do galego, do catalán e do vasco na UE previsto para a xornada desta cuarta feira en Bruxelas resolveuse en menos de cinco minutos sen que ningún dos ministros na sala tomase a palabra tras escoitar a exposición do secretario de Estado para a UE, Pascual Navarro, ao seguir pendente a avaliación legal, financeira e práctica que piden o resto de Estados comunitarios para examinar este asunto.

O punto incluído pola Presidencia española no Consello de ministros de Asuntos Xerais da UE copou entre "dous e cinco minutos", segundo as distintas fontes diplomáticas consultadas, que engaden que ese tempo serviu "simplemente para dicir que o asunto existe".

Deste modo, seguirase examinando a "nivel técnico" a proposta "revisada" que o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, xa esbozou na sesión anterior deste Consello, o pasado 24 de outubro, mais que non foi presentada formalmente até última hora da segunda feira.

Á primeira hora desta cuarta feira, algúns dos ministros avisaban das dificultades para avanzar na discusión sen contar coa información requirida. "Non tivemos tempo, a discusión de hoxe [por esta cuarta feira] será curta", dixo á prensa o ministro finlandés de Asuntos Europeos, Anders Adlercreutz, que confirmou que o documento foi remitido "en español a segunda feira pola noite" ás delegacións, o que complicou o seu exame.

O Goberno español insiste en que o recoñecemento das linguas cooficiais do Estado sería un "caso único" no conxunto de linguas rexionais da UE por circunstancias "moi específicas" como o seu encaixe na Constitución española, o feito de que sexan utilizadas no Congreso e no Senado ou o número de falantes que teñen. Ademais comprometeuse a asumir a factura da súa introdución na UE.

Comentarios