Consello da Xunta

Rueda cre que o Estado "non é quen" de pór o galego na UE

O presidente galego, Alfonso Rueda, ve difícil que a lingua galega sexa oficial na Unión Europea. Para o titular da Xunta da Galiza, o Goberno español comprometeuse a oficializar galego, vasco e catalán e "non é quen de cumprir".
Alfonso Rueda durante a comparecencia após o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda durante a comparecencia após o Consello da Xunta que decorreu esta quinta feira. (Foto: Arxina)

O presidente galego opúxose no seu día a que o galego fose oficial no Congreso español para, a seguir, unha vez aprobado ese dereito, afirmar que os deputados do PP da Galiza na Cámara española empregarían esa lingua se así o considerasen. Esta quinta feira, Alfonso Rueda, a preguntas de Nós Diario sobre a súa valoración do proceso en marcha para facer oficial a lingua propia da Galiza na Unión Europea, dixo que gostaría de que o galego puidese usarse nese ámbito de "multilingüismo" que é a UE.

Porén, apuntou, pouco confía en que se logre ese obxectivo, imposibilidade da que responsabilizou o Goberno estatal. "Non depende do impulso que el [o Estado español] queira darlle, hai países en contra", indicou. A oficialización é unha cousa , concluíu o presidente, "que [o Goberno español] non é quen de cumprir". 

Palestina

Na súa comparecencia após a reunión do Consello da Xunta, Alfonso Rueda tamén tivo que responder a preguntas sobre o que está a acontecer en Gaza. "Cre que debe haber un Estado palestino?", preguntóuselle. A cuestión colleu a contrapé o presidente galego, que apenas puido remitirse "ao que ten dito o meu partido [PP]" ou a declaracións no seu día no Parlamento galego. Mais non foi quen de dar un si. "Para adhesións máis expresas, na miña opinión, non é o lugar", desculpou.

Porén, noutras ocasións si que se ten pronunciado sobre cuestións internacionais desde a tarima como presidente da Galiza, como foi no caso da guerra en Ucraína. 
Xa no relativo aos asuntos tratados na reunión semanal do Goberno galego, avanzou que a implantación da gratuidade no sistema de transporte público da Galiza  —que anunciou a cuarta feira—para as persoas maiores de 65 anos terá unha reserva de 5 millóns de euros para 2024.

Recurso pesca e publicidade en farmacias

Tamén informou o presidente de que o recurso presentado polo PP de Burela, apoiado pola Xunta da Galiza, contra o acordo de Bruxelas para prohibir a pesca de arrastre en 87 caladoiros xa rematou a fase escrita, ficando pendente agora de proceder a abrir a fase oral.

O Consello da Xunta aprobou na sesión de onte renovar un vello decreto sobre a publicidade en farmacias, adecuándoo aos tempos de internet e redes sociais. As boticas non poderán recorrer nin a influencers nin a persoal científico para anunciarse, por exemplo.

O Goberno galego tamén aprobou un proxecto "pioneiro" para asesorar concellos e empresas que fan parte da Alianza Galega polo Clima nos seus proxectos, adaptándoos ao cambio climático, cunha partida de 1,5 millóns de euros para este asesoramento, que será telemático e vía telefónica.

Tamén deu o visto e prace a reunión do Consello a destinar 1,2 millóns de euros a comedores daquelas escolas infantís xestionadas por entidades sociais, para que así as familias teñan as mesmas condicións que as das escolas infantís da rede pública galega. 

Comentarios