Unidade para oficializar o galego na UE

30 representantes da vida política, social e cultural da Galiza veñen de remitir una carta aos ministros de Asuntos Exteriores dos Estados membros da Unión Europea (UE) reclamando o recoñecemento do galego como lingua oficial da UE.

Goretti Sanmartín, Inés Rei, Miguel Lores, Lara Méndez, Antonio López, Manuel Reigosa, Julio Abalde, Víctor Freixanes, Ana Pontón, Luís Álvarez, Paulo Carril, Amelia Pérez, José Gómez, Xurxo Álvarez, Isabel Vilalba, Roberto García, Roi Cuba, Cesáreo Sánchez, Xosé M. Carril e Anxo Louzao (Foto: Nós Diario).
photo_camera Goretti Sanmartín, Inés Rei, Miguel Lores, Lara Méndez, Antonio López, Manuel Reigosa, Julio Abalde, Víctor Freixanes, Ana Pontón, Luís Álvarez, Paulo Carril, Amelia Pérez, José Gómez, Xurxo Álvarez, Isabel Vilalba, Roberto García, Roi Cuba, Cesáreo Sánchez, Xosé M. Carril e Anxo Louzao (Foto: Nós Diario).

O vindeiro 15 de novembro, o Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea (UE) decidirá sobre a oficialidade do galego no ámbito comunitario. Neste contexto, 30 persoeiros galegos veñen de solicitar a todos os Estados membros da UE que “voten si ao recoñecemento da lingua galega como oficial da Unión Europea”.

O escrito remitido ás autoridades comunitarias sinala que “a oficialidade do galego en Galiza, recoñecida en 1981, non será plena se non atinxe a todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural, hoxe condicionada en moitos aspectos pola nosa pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente a nosa lingua”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, entidade promotora da iniciativa, Marcos Maceira, afirma a Nós Diario que “é importante que o idioma galego sexa oficial na Unión Europea para que teña consecuencias internas no país e se avance cara a unha oficialidade real”. A este respecto, apunta que “para afrontar o futuro en todos os ámbitos precisamos o apoio e protección que as regulacións europeas dan ás linguas oficiais da Unión”.

Maceira agradece o amplo apoio social á misiva, asinada por 30 persoas referentes de todo o espectro galego. Así, do ámbito institucional conta co apoio das alcaldesas e alcaldes de Compostela, Goretti Sanmartín, da Coruña, Inés Rei, de Lugo, Lara Méndez e de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ao tempo, asinan os presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo, Valentín Formoso e José Tomé e os voceiros parlamentarios do BNG e do PSdeG, Ana Pontón e Luís Álvarez.

O mundo da cultura, da ciencia e do coñecemento está representado polos reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa. Avalan o escrito o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o presidente Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, a presidenta da Asociación de actores e actrices da Galiza, Arantza Vilar; o presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril; o voceiro de Vía Galega, Anxo Louzao; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; a presidenta da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización da Lingua, Anxos Sobriño;  e a presidenta da confederación de Anpas galegas, Isabel Calvete.

O mundo económico

A esfera económica súmase a esta iniciativa a través dos secretarios xerais da CIG, Paulo Carril, da UXT, José Antonio Gómez e de Comisión Obreiras, Amelia Pérez. Asemade, asinan a carta, Roberto García de Unións Agrarias; Isabel Vilalba do SLG; Xurxo Álvarez da Federación Rural Galega; Roi Cuba da asociación ecoloxista Adega; e Higinio Mougán da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

O PP evita apoiar a oficialidade do galego

Os grandes ausentes no escrito remitido á UE reclamando a oficialidade do galega son os representes institucionais do PP. Malia que os promotores da carta demandaron o apoio aos presidentes das Deputacións de Pontevedra e Ourense, Luis López e Luís Menor, ao rexedor de Ferrol, José Manuel Rei e ao voceiro parlamentario, Alberto Pazos, estes non atenderon a petición, a pesar de confirmar a recepción do convite.

Comentarios