Análise

A Xunta reparte varios millóns en convenios cos medios sen convocatoria pública

A liberdade de información na Galiza está lastrada polo peso abrumador do gasto público nos ingresos de case toda a prensa.
Cantidade de fondos procedentes de convenios de colaboración con toda a prensa repartidos discrecionalmente pola Xunta en 2017. (Nós Diario / Fonte: Rexistro de Convenios da Xunta)
photo_camera Cantidade de fondos procedentes de convenios de colaboración con toda a prensa repartidos discrecionalmente pola Xunta en 2017. (Nós Diario / Fonte: Rexistro de Convenios da Xunta)

As subvencións aos medios en galego -para as que si hai normas e criterios- non son nin faragullas comparadas co reparto sistemático e discrecional de convenios, que favorece por sistema as cabeceiras acríticas con Alberto Núñez Feixoo.

A liberdade de información na Galiza está lastrada polo peso abrumador do gasto público nos ingresos de case toda a prensa. O país carece dun sector privado forte e cada vez quedan menos empresas importantes en mans galegas que sirvan de contrapeso publicitario aos cartos públicos.

Por exemplo, R Cable. Cando era galega, facía campañas na prensa do país, algunhas só nas cabeceiras na lingua propia. Iso acabouse ao pouco de tomaren o leme de Euskaltel investidores non vascos.

Todas as administracións gastan moito nos medios, pero a Xunta é de lonxe a que máis. Ás veces, pagando campañas de utilidade cuestionábel, como a actual de promover o Camiño de Santiago dentro da Galiza.  

O motivo real desas campañas é manter a frote a economía dalgúns medios, especialmente da prensa. Sobrevirían tantos xornais na Galiza sen o investimento da Xunta? Non, hai anos que varios terían fechado.

A crise do ladrillo levouse por diante a práctica totalidade da prensa escrita non aliñada co PPdeG. De Vieiros a A Nosa Terra, pasando por A Peneira ou a edición galega de El País. Polo contrario, non fechou ningún dos xornais tradicionais, aínda que case todos soportaron ERE e mesmo a algún Facenda lle embargou a sede.

Máis de 20 millóns ao ano, a maioría a dedo

Realmente tanto gasta Alberto Nuñez Feixoo en untar algúns medios? Si. Por exemplo, en 2017 a Xunta pagoulle aos empresarios dos medios de comunicación 20,3 millóns de euros.

Hai quen argumenta que non son moitos cartos para axudar a manter a frote o debate público na prensa. Todo depende co que se compare, claro.

O orzamento da vixente liña de subvencións para libros en galego, 200.000 euros. Menos da décima parte para o libro en galego do que apaña certa prensa.

O problema para a liberdade de expresión non é só o peso do investimento público, tamén a forma de repartir o pastel. O 90% deses 20,3 millóns da Xunta deuse sen unha convocatoria no DOG. É dicir, sen garantías de transparencia e concorrencia.

Só o 10% se distribúe a través de dúas convocatorias públicas anuais para, respectivamente, empresas xornalísticas e para medios escritos en galego. A segunda destas convocatorias está deseñada de tal forma -incorporando un límite mínimo de cadro de persoal- que exclúe a práctica totalidade dos dixitais, reduto da prensa crítica con San Caetano. En todo caso, esas convocatorias son faragullas.

Os dous anacos grandes do pastel repártense a dedo, os convenios de colaboración ou, de maneira opaca, a publicidade.

Os convenios son acordos polos que a Administración pode entregar unha subvención directamente -sen concurso ou competencia- ao ente que escolla a cambio de facer xuntos unha actividade de interese público. A prensa con liña editorial crítica co PPdeG non recibe convenios da Xunta, o resto si. No 90% dos acordos, a colaboración dos medios consiste en publicar contidos dos temas que lle marca a Xunta, que é quen paga.

O Rexistro de Convenios da Xunta recolle que en 2020 as consellarías e La Voz de Galicia asinaron sete convenios. O importe do aportado polas arcas públicas suma máis de 933.000 euros.

É dicir, só La Voz recibiu mediante convenios cinco veces máis que todo o que gasta a Xunta en apoiar a edición de libros en galego. Coa diferenza, ademais, de que mentres as editoriais teñen que competir entre si de acordo a unhas regras coñecidas, o xornal recibe estes cartos segundo o criterio do mandatario desta ou outra conselleira, baixo a supervisión da Secretaría Xeral de Medios.

Por que La Voz recibe todos os anos ao redor de 149.000 euros para que as escolas dispoñan de xornais para fomentar a lectura e non os recibiu Nós Diario ou El País? Porque así o decide todos os anos o conselleiro de Educación.

Conselleiro de Educación que, por certo, tamén seleccionou La Voz para recibir 141.000 euros mediante convenio para potenciar o uso do idioma galego nesa cabeceira, que está practicamente toda en español. Desde que goberna Feixoo, ningún medio de comunicación 100% en galego recibiu xamais un peso da Xunta en convenios por fomentar o galego.

San Caetano pode defenderse alegando que hai unha convocatoria específica de subvencións para medios en galego. É certo, haina. O importe total do concedido na última convocatoria foi de 197.000 euros.  

Sermos Galiza, a editora de Nós Diario, foi a más beneficiada, porque foi a que máis puntos sacou de acordo ás normas dun concurso público. Canto recibiu Sermos Galiza? 26.000 euros. Todo o que recibe este xornal supón o 18% do que recibe a dedo La Voz só polo seu labor a prol do galego. É dicir, faragullas. Se o comporamos cos 933.000 euros que apañou La Voz só en convenios, son as faragullas de faragullas.

Se a eses 933.000 en convenios lle sumamos os outros 832.453 euros que a Xunta lle adxudicou a La Voz na convocatoria de subvencións de empresas xornalísticas, resulta que a maior subvención a un medio 100% en galego foi o 4,8% dos 1.765.450 euros que levou La Voz.

Son as faragullas das faragullas das faragullas. E nin iso. Porque a maiores hai que sumar a publicidade. É imposíbel saber canto cobra cada medio en anuncios da Xunta porque as consellarías adxudican as campañas a axencias, que á súa vez subcontratan os anuncios en certas cabeceiras de acordo ás normas que lles marca a Xunta.

O ano pasado non foi un excepcional. É un capítulo máis nunha práctica caciquil que comezou con Fraga, o bipartito alimentou e Feixoo perfeccionou.

En 2017, por exemplo, La Voz e a Xunta asinaron nove convenios por valor de 977.000 euros públicos. La Voz é a máis beneficiada do reparto sistemático de diñeiro público sen concorrencia. En 2017, a Xunta repartiu 1,9 millóns en convenios discrecionais cos medios de sempre. Deses cartos, o 51% foron para a empresa de Santiago Rey Fernández Latorre.

Comentarios