As axudas dos Gobernos de territorios con lingua propia aos medios de comunicación

Euskal Herria axuda os medios en euskara

Con esta información, 'Nós Diario' achégase aos criterios empregados por Gobernos con lingua propia para subvencionar os medios de comunicación. Nesta ocasión, abórdase o caso de Euskal Herria.No caso do Goberno vasco, as subvencións son trianuais.

O lehendakari, Íñigo Urkullo, conversa coa presidenta de Nafarroa, María Chivite, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Alberto Ruíz / Europa Press)
photo_camera O lehendakari, Íñigo Urkullo, conversa coa presidenta de Nafarroa, María Chivite, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Alberto Ruíz / Europa Press)

Euskal Herria está xestionada por tres administracións, dúas dentro do Estado español e unha dentro do Estado francés. O Goberno vasco para os territorios de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, o Goberno de Nafarroa para Nafarroa, e a Comunidade de Aglomeración de Ipar Euskal Herria (Communauté d'agglomération Pays Basque, en euskara) para Lapurdi, Nafarroa Behera e Zuberoa. Esta última administración, a que corresponde ao Estado francés, é de recente creación: 1 de xaneiro de 2017. 

Hoxe en día as tres administracións teñen estabelecidas axudas para os medios de comunicación non públicos que se editan e/ou se emiten en euskara: diarios, revistas, radios, televisións e produtos dixitais. No caso de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, ademais do Goberno Vasco, tamén as deputacións forais e os concellos teñen estabelecidas axudas para os medios de comunicación. 

Despois dalgunhas décadas de descoordinación entre as institucións públicas de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, organizáronse dunha maneira estábel os criterios para saber a que institución pública correspondía axudar a cada tipo de medio de comunicación. Así, os medios de comunicación de ámbito nacional (Berria, Argia, Hamaika telebista…) reciben axudas do Goberno vasco, e os medios de ámbito rexional ou local recíbenas das deputacións forais e concellos. 

No caso de Nafarroa, o Goberno ten programas de axuda para os medios de comunicación que se editan en Nafarroa. Durante os anos nos que o Partido Socialista de Navarra (PSN) estivo ao mando do Goberno, os medios de comunicación navarros en euskara recibiron axudas do Executivo. A Unión do Pobo Navarro (UPN) desactivou esas axudas. Despois de moitos anos de boicot institucional dos gobernos navarros de UPN aos medios de Nafaroa en euskara, estas axudas volveron en 2015-2019 co goberno de coalición da presidenta Uxue Barkos, e mantivéronse coa actual presidenta socialista Maria Chivite. 

En Ipar Euskal Herria, a recentemente creada Comunidade de Aglomeración ten habilitadas desde o seu comezo axudas aos medios de comunicación en euskara

Goberno vasco 

En 2019, coa idea de que os medios puidesen programar o seu traballo nun prazo medio, o Goberno Vasco decretou axudas trianuais, grazas ao cal os medios sabían o que, se todo ía ben, recibirían en 2019, 2020 e 2021. Ese cambio posibilitou moito que os medios puidesen organizarse e prever os seus plans en períodos de tres anos, sen ter que padecer a angustia anual de non saber a cantidade que recibirían cada ano. 

Para estabelecer a cantidade que cada medio recibiría tivéronse en conta, entre outros conceptos, que a axuda do Goberno vasco non superase o 30-35% do orzamento do medio, que se tivesen en conta as necesidades de cada medio, e non dependesen só das audiencias. Realizouse un cálculo dos custos estándares, e ese cálculo aplicouse á realidade de cada medio. 

A gran maioría de medios reciben as axudas polo sistema de convocatoria pública de axudas. Polo tamaño e pola proxección nacional de Berria, esa publicación ten asinado un convenio trianual co Goberno vasco, e recibe 2,3 millóns anuais, que supoñen o 30% dos seus ingresos. 

Polo tamaño e pola proxección nacional de Berria, esa publicación ten asinado un convenio trianual co Goberno vasco, e recibe 2,3 millóns anuais, que supoñen o 30% dos seus ingresos. 

Estas son as axudas que distribúe o Goberno vasco para os medios que se presentan á convocatoria: 1,85 millóns para 27 publicacións escritas de ámbito nacional; 0,35 millóns para 5 radios; 1,4 millóns para 7 televisións; 0,45 millóns para 21 medios exclusivamente dixitais; 2,3 millóns para o diario Berria (por convenio). 

Deputacións e concellos

A Deputación de Gipuzkoa reparte 3,06 millóns para 18 medios; a de Bizkaia 0,9 millóns para 12 medios e a de Araba 0,2 millóns para dous medios.

Nafarroa e Ipar Euskal Herria

A gran maioría dos medios de comunicación que se publican no ámbito dun municipio ou dunha comarca reciben axudas das súas respectivas institucións municipais. Ademais desas axudas directas aos medios, tamén reciben axudas do Goberno vasco e das deputacións para financiar procesos de renovación tecnolóxica, dixitalización… 

Por outra banda, o Goberno de Nafarroa outorga 0,92 millóns para 24 medios e 0,4 millóns para seis televisións locais e a Comunidade 
de Aglomeración de Ipar Euskal Herria 0,53 millóns a sete medios. En Ipar Euskal Herria algunhas radios reciben subvención do Goberno francés, e nalgún caso tamén da Unión Europea. 

Comentarios