'La Vanguardia' e 'El Periódico' reciben subvencións pola súa edición na lingua propia

O catalán: A chave que dá paso ás axudas públicas á prensa nos Países Cataláns

Con esta información, 'Nós Diario' achégase aos criterios empregados por Gobernos con lingua propia para subvencionar os medios de comunicación. Nesta ocasión, abórdase o caso dos Países Cataláns, cunha aposta dos Executivos na prensa que comunica na lingua propia e na que ten edicións en catalán.
A presidenta do Govern de Baleares, Francina Armengol, e o da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, o 24 de novembro. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
photo_camera A presidenta do Govern de Baleares, Francina Armengol, e o da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, o 24 de novembro. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

Os tres gobernos autonómicos dos Países Cataláns teñen estipulados métodos de axuda á prensa en catalán. No caso de Andorra, onde o catalán é a lingua do Estado, simplemente non existen medios noutra lingua que non sexa o catalán e no caso de Catalunya Norte non existen axudas aos medios en catalán, excepto algunhas locais. Pero os medios norcataláns pódense acoller tamén ás axudas ofrecidas pola Generalitat de Catalunya, xa que de feito calquera publicación en catalán ou en occitano, dous dos tres idiomas oficiais de Catalunya, pode acollerse ás mesmas. 

Estas axudas, as da Generalitat de Catalunya, son por iso as máis fortes en termos de financiamento. O montante varía anualmente dentro dunha franxa que chegou ao tope o ano 2010 con 22 millóns de euros a repartir e que tivo o seu momento máis baixo en 2013 con seis millóns. 

No caso concreto dos diarios hainas de dous tipos: subvencións estruturais, tanto a publicacións en papel como a publicacións dixitais, e subvencións a proxectos. As subvencións estruturais son de carácter anual e están moi regradas. O Goberno non pode decidir se as outorga ou non senón que calquera publicación que cumpre os requisitos recíbeas de forma automática en función dunha serie de parámetros.

Hai uns parámetros básicos para acceder ás mesmas que son acreditar un mínimo de tres traballadores na empresa editora ou un 35% respecto dos gastos de redacción que se pretenden subvencionar a partir dun mínimo de 25.000 euros anuais. Calquera publicación que supere esta cualificación recibe un montante de diñeiro que se calcula de maneira automática, dependendo de se é un diario en papel ou dixital ou ambas as cousas, da periodicidade, do ámbito de difusión, etcétera. 

No caso dun diario de papel de distribución nacional, como sería Nós Diario, o método de cálculo da subvención tería en conta os seguintes parámetros: 

1. A difusión acreditada cos datos dunha empresa auditora, por exemplo OJD. Neste caso o diario cobraría 400 euros por número e 0,060 euros por exemplar difundido, máis 100 euros por número se ten edicións rexionais. 

2. No caso de que o diario non presentase datos da empresa auditora cobraría 375 euros por número máis 0,01 euros por exemplar, acreditados os exemplares por medio das facturas de impresión. 

O mesmo diario podería acceder tamén a subvencións como diario dixital e ademais podería pedir unha subvención de apoio á profesionalización que pode chegar a ser de até 12.000 euros en total se acredita ter máis de tres redactores con contrato profesional. 

Estas cifras, evidentemente, están suxeitas á cantidade total do diñeiro destinado ás subvencións.

Se a suma de todas as cantidades a pagar supera a capacidade prevista, a cifra redúcese proporcionalmente a todas as publicacións até cadrar con ese importe. 

No ano 2020 as subvencións estruturais a diarios en papel, por exemplo, significaron 800.000 euros para La Vanguardia, pola súa edición en catalán, ou 600.000 para El Punt Avui, El Periódico ou Ara e perto de 200.000 euros para os diarios locais de cidades como Lleida, Manresa, Vic ou Girona.

Alén das subvencións estruturais

Ademais desta subvención estrutural existen subvencións a proxectos e a adxudicación da publicidade institucional, que teñen un carácter máis discrecional e que foron fonte de conflitos polas discriminacións de tipo político.

Especialmente criticouse que cada vez a Generalitat inviste máis en publicidade que na subvención estrutural, para ter así unha maior marxe de discrecionalidade política. Con todo, a Generalitat está obrigada por lei a publicar as memorias de toda a publicidade contratada cada ano, ao máximo detalle, así que non pode haber favores que non sexan visíbeis. 

Segundo a memoria de 2020 o diario en papel que recibiu máis diñeiro en publicidade foi La Vanguardia (2.648.987 euros). 

Generalitat Valenciana e Govern Balear

Polo que respecta á Generalitat Valenciana e ao Govern Balear as subvencións tamén existen baixo o mesmo criterio de apoio aos diarios en lingua catalá pero o montante é moito menor. 

No caso da Generalitat Valenciana as subvencións a medios de comunicación achéganse aos tres millóns de euros en total. Para a súa repartición intervén unha comisión valoradora que é a que toma a decisión dos importes a partir dunha serie de características, adxudicando puntos. 

No caso de prensa escrita diaria, por exemplo, conta o número de páxinas (20 puntos se son 32 páxinas, 60 puntos se son máis de 52, etcétera), a difusión diaria, que tamén xera unha escala de puntos e no caso de que o xornal sexa só parcialmente en catalán, o número de páxinas en lingua propia. A cifra da subvención resulta do cómputo final de puntos e ten carácter obrigatorio, non se pode discriminar politicamente

Finalmente no caso das Illas Baleares destínanse 635.000 euros a subvencionar os medios de comunicación en lingua catalá.

Comentarios