Un congreso internacional abordará a toponimia no Camiño de Santiago

A xornada, impulsada pola Real Academia Galega, decorrerá en Compostela do 21 ao 23 de setembro.
Valentín García, Víctor F. Freixanes, Antonio López e Ana Boullón presentaron o evento esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: RAG)
photo_camera Valentín García, Víctor F. Freixanes, Antonio López e Ana Boullón presentaron o evento esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: RAG)

Un congreso internacional impulsado pola Real Academia Galega (RAG) abordará a toponimia no Camiño de Santiago, con participación de persoal investigador procedente de distintos países. O encontro decorrerá do 21 ao 23 de setembro, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O congreso promoverá, ademais, novas investigacións sobre os nomes a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos sobre a toponimia nos roteiros xacobeos.

A aplicación das novas tecnoloxías, o turismo, a rehabilitación do patrimonio, a cartografía ou a historia serán outros dos eixos dunhas xornadas marcadas, segundo a organización, polo "europeísmo e a multidisciplinariedade".

A presentación deste encontro tivo lugar nesta quinta feira na sede da RAG coa presenza do presidente da institución, Víctor F. Freixanes; a académica de número e coordinadora do encontro, Ana Boullón; o reitor da USC, Antonio López, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Con inscrición gratuíta até o 12 de setembro, o congreso profunda na liña iniciada na VI Xornada de Onomástica Galega, que a RAG dedicou en outubro de 2021 á onomástica no Camiño.

Así o explicou Ana Boullón, que remarcou que se buscará na xuntanza ter "unha visión máis ampla sobre o valor e significado da toponimia no Camiño de Santiago". "Como 'os francos' que viñan máis aló dos Pireneos", citou, sobre nomes que pertencen á toponimia do mesmo.

Tanto o reitor da USC como o presidente da RAG reivindicaron, á súa vez, a necesidade de "coñecer e conservar" estes nomes. Pola súa parte, Valentín García remarcou a información que achegan sobre a cultura e as historias do Camiño de Santiago. "Como patrimonio inmaterial", precisou.

Comentarios