Galego, éuscaro e catalán, excluídos da Lei xeral de comunicación audiovisual

O texto non reserva cotas específicas para as linguas cooficiais do Estado.
a mesa
photo_camera Presentación da campaña 'Queremos galego no audiovisual'.

O proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual elaborado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital obvia a pluralidade lingüística do Estado e rexeita a  protección específica do galego, do éuscaro e do catalán. 

Tras superar a segunda fase de audiencia pública, e piques de ir ao Consello de Ministros, a última versión do texto non recolle ningunha das demandas que nos últimos meses trasladaron ao Executivo estatal profesionais do sector, entidades sociais e culturais mais os propios Gobernos autonómicos, conscientes da transcendencia dunha norma que pode ser letal para as linguas cooficiais.

Cotas obrigatorias só para o castelán

O proxecto de lei estabelece que os servizos de televisión lineal deben reservar "a obras audiovisuais europeas polo menos 51% do tempo de emisión anual de su programación". Desta porcentaxe, gardará "como mínimo 50% a obras en castelán ou nas linguas cooficiais", precisa. Na mesma liña, fixa unha cota de obra audiovisual europea de "polo menos 30%" nos catálogos dos servizos baixo demanda como Netflix, HBO ou Amazon Prime; da cal, "como mínimo 50% se reservará a obras en castelán ou nalgunha das linguas cooficiais".

Porén, a norma non determina unha cota concreta para cada unha delas, como exixían os territorios, co fin de non agravar a situación de precariedade de galego, éuscaro e catalán, con escasa presenza na programación audiovisual de plataformas dixitais e mesmo de TVE.

Galego no audiovisual

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou a mediados do mes de xullo na Galiza a campaña 'Queremos galego no audiovisual' para reclamar unha presenza equitativa do galego no proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual que estaba a elaborar o Goberno do Estado. 

Comezaba así a segunda fase da 'Iniciativa Xabarín', que viña de conseguir o acordo unánime do Parlamento para garantir o acceso a todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e lexendada, así como informacións e audiodescricións en galego; mais tamén a unanimidade da Cámara para que a futura norma audiovisual "recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán" nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda.

Unanimidade social

De non se fixar cotas iguais para o galego, desde a A Mesa advirten do risco de deixar a lingua propia da Galiza "nunha situación de exclusión absoluta" que irá a peor nos próximos anos dado o incremento progresivo de oferta audiovisual, asegura o presidente da entidade, Marcos Maceira.

"Hai un acordo parlamentar unánime que reflicte o sentir unánime da sociedade galega", salienta, esperanzado en que as súas alegacións prosperen.
"Se perdemos este tren perderemos a capacidade de ter galego nun sector estratéxico nas próximas décadas". cos mesmos dereitos que o castelán. "De non ir adiante unha reforma con cotas específicas e iguais para a nosa lingua, o audiovisual galego, dinámico e con producións de altísima calidade, estaría sendo marxinado polo simple feito de estar en galego".

En xogo o futuro do sector galego

Segundo A Mesa, unha decena de plataformas audiovisuais ofrecen máis de 25.000 títulos na actualidade, "pero ningún dobrado ao galego e só 25 en versión orixinal na nosa lingua", resume Marcos Maceira. De aí a importancia dunha reforma lexislativa que debe exixir, ademais, uns niveis suficientes de investimento e distribución das obras audiovisuais cunha porcentaxe idéntica ao castelán no deber de financiamento anticipado a obra audiovisual europea", engade.

O proxecto de lei indica que os provedores deservizos de comunicación audiovisuais televisivos cuns ingresos superiores a 50 millóns de euros deberán dedicar 5% desa contía a financiar obras europeas. Desta porcentaxe reserva 70 e 45% de obras audiovisuais e  películas  cinematográficas independentes en castelán ou nalgunha lingua cooficial, mais, de novo, sen garantir unha cota mínima, igual á do castelán, para  galego, éuscaro ou catalán.

Comentarios