Presentan unha inciativa para que o galego puntúe no acceso laboral ás institucións da UE

A eurodeputada Ana Miranda, presenta unha inciativa parlamentar para lle outorgar ao galego recoñecemento no seo das institucións europeas.

Con motivo do Día europeo das linguas --26 de setembro--, a eurodeputada Ana Miranda presentou unha iniciativa parlamentar dirixida á Comisión europea co obxectivo de que o coñecemento da lingua galega puntúe nos procedementos de selección de persoal para traballar nas institucións comunitarias.

Na súa interpelación, Miranda aseverou que "non é comprensíbel que o galego non contabilice como mérito entrementres se recoñece o coñecemento de idiomas que non son propios da UE". Para a eurodeputada nacionalista, a European personnel selection office debe ter en conta que a lingua galega é oficial para tres millóns de europe@s e conecta a cidadanía da Galiza con "240 millóns de habitantes no mundo da lusofonía", asegurou Ana Miranda no Parlamento europeo. Xa que logo, a eurodeputada emprazou a Comisión europea a introducir o galego como criterio puntualizábel nuns procedementos de selección que cada ano acollen miles de cidadás e cidadáns europe@s.

A escolla da data para a presentación da iniciativa encardínase no día elixido pola Comisión e o Consello europeo --desde 2001-- como conmemoración da riqueza lingüística da UE, que abrangue vinte e tres idiomas oficiais, mais que non recoñece como propias as linguas co-oficiais do Estado español --galego, vasco e catalán--. Ana Miranda, fixo énfase na súa intervención, na importancia destes idiomas a nivel europeo, que lle son propios a máis de 15 millóns de habitantes e considerou o seu recoñecemento nas institucións comunitarias, un paso alén na normalización de usos do galego.

Comentarios