mércores 30/09/20
Lingua

PP, Cs e Vox amósanse partidarios dunha lei contraria ao galego e ás linguas propias

Despois de conseguir por segunda vez o aval do Congreso para poñer en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular contraria aos dereitos lingüísticos das galegofalantes, Hablamos Español suma o apoio de PP, Cs e VOX a unha lei de liberdade de elección de lingua que ameaza o uso e o coñecemento dos idiomas propios.  
galego correlingua 2019
Alumnado de Compostela durante a celebración do Correlingua 2019.

En novembro de 2018 Hablamos Español convocou a prensa en Madrid para exhibir as 500.000 sinaturas necesarias para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en favor da liberdade de elección de lingua nos centros educativos, no comercio, na sanidade, na Administración, no ámbito cultural...

Co prazo cumprido a Oficina do Censo Electoral certificou que a asociación presidida por Gloria Lago non acadara os requisitos mínimos exixidos. A ILP quedou paralizada e Hablamos Español sinalou "trabas administrativas, boicots e todo tipo de impedimentos" para conseguir o seu obxectivo.

Segundo intento

Un ano despois, o mesmo colectivo volveu solicitar a luz verde da Mesa do Congreso para retomar o seu proxecto, unha Iniciativa Lexislativa Popular coa que busca, di, "garantir os dereitos lingüísticos dos castelán falantes" en todo o territorio do Estado, especialmente nos campos do ensino e da administración. A primeiros de febreiro a mesa da Cámara baixa volveu validar o inicio do proceso. Á espera de que a Xunta Electoral sele os pregos correspondentes para a recollida de sinaturas por todo o Estado, Hablamos Español iniciou unha rolda de contactos para obter o apoio das formacións políticas afíns e convencer, asegura, "os instalados no bi-tri-pluri-timo-lingüismo".

En nome do colectivo, Gloria Lago reuniuse esta semana no Congreso dos Deputados con representantes do Partido Popular, de Ciudadanos e de Vox, a quen lles trasladou as súas demandas. Entre outras, que se poida estudar en español en todo o Estado, que esta lingua estea presente na sanidade, en edificios e documentos oficiais e que o funcionariado non teña que coñecer o galego nin os outros idiomas cooficiais para poder traballar en cada un dos territorios.

Hablamos Español demanda que se poida estudar en español en todo o Estado, que esta lingua estea presente na sanidade, en edificios e documentos oficiais e que o funcionariado non teña que coñecer o galego nin os outros idiomas cooficiais

Desde a Galiza, e sen entrar a valorar a proposta lexislativa de Habamos Español, o Partido Popular sostén, en declaracións a Nós Diario, que "o modelo plurilingüe responde ás demandas das familias e da realidade lingüística" do país. "Levamos 11 anos defendendo este sistema e dá resultados. Este mesmo ano -destacou- aumentaron o número de centros que se sumaron ao modelo, uns 70 en todos os ciclos educativos". Pola súa banda, e malia ser consultado, este xornal non obtivo unha resposta de Ciudadanos.

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, a ILP de liberdade de elección de lingua representa un ataque ao pouco que se avanzou no recoñecemento das linguas propias diferentes do castelán por parte do Estado. Segundo explica o seu presidente a este medio, a proposta parte "dunha gran distorsión da realidade". "Mesmo o comité de expertos da Carta europea das linguas Rexionais e Minorizadas mais o Comité de Ministros do Consello de Europa instan o Estado a que garanta as mudanzas necesarias para reverter o desleixo do galego".

Os mesmos dereitos para linguas iguais

Marcos Maceira critica que a Mesa do Congreso admitira a trámite, por segunda vez tras o fracaso do primeiro intento, unha Iniciativa Lexislativa Popular contraria aos compromisos adquiridos polo Estado en materia lingüística. "Se a Carta europea das linguas e a Declaración internacional de dereitos lingüísticos forman parte da arquitectura constitucional do Estado español, esta ILP non debería iniciar o seu procedemento porque non cumpre coas súas consignas".

"Se o español non é mais lingua que o galego, o máis lóxico é que se lles dea a ambas o mesmo status. Por que en español si e en galego non?", pregunta Marcos Maceira

O presidente da Mesa defende a obriga do Estado de garantir os dereitos lingüísticos de todos os falantes, e polo tanto, de promover o coñecemento e o uso dos idiomas propios en cada territorio e na súa relación coas diferentes Administracións. "Se o español non é mais lingua que o galego, o máis lóxico é que se lles dea a ambas o mesmo status. Por que en español si e en galego non?", pregunta. 

Maceira censura que se lle dea alento a unha proposta que busca "limitar os dereitos da cidadanía galegofalante ao garantir pola vía do descoñecemento que o colectivo de funcionarios, por exemplo, non teña que saber o idioma cooficial co español no territorio no que prestan os seus servizos". O texto lexislativo resultante, recalca, promovería a "discriminación lingüística polo uso do galego".

Cinco meses

O Estado español debe remitirlle antes do 1 de agosto ao Comité de Ministros do Consello de Europa as medidas que vai poñer en marcha para atender os seus requirimentos de cara ao cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. 

De acordo cos mandados expresados polos expertos europeos, o Estado debe definir accións dirixidas a garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais e na Administración xeral do Estado, así como iniciativas que permitan "eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos". Unha demanda que exixiría unha alternativa ao Decreto do Plurilingüismo aprobado pola Xunta da Galiza en 2010, e que segundo o Consello de Europa promove unha presenza da lingua propia "insuficiente" no ensino.

comentarios