venres 05/03/21

Policías aperciben: “Unha denuncia en galego podería entorpecer gravemente a investigación”

Un dixital escrito e dirixido por axentes das forzas de seguridade sostén, a raíz do acontecido á avogada Elsa Quintas na comisaría de Vigo, que “un policía ou garda civil non está obrigado a coller unha denuncia en ningún outro idioma que non sexa o castelán”.

comisaria
Comisaría de Vigo

O caso da avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas, que denunciou que botou 3 horas na Comisaría de Vigo para poder presentar unha denuncia en galego, é motivo de comentario tamén entre os axentes dos corpos e forzas de segurdade do Estado, como o que se fai en h50, onde conclúen que un policía ou garda civil non está obrigado a coller unha denuncia en ningún outro idioma que non sexa o castelán”.

h50 defínese como “un diario dixital para toda a sociedade, escrito e dirixido por profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade”. A raíz do sucedido a Elsa Quintas pregúntanse se os policías e garda civís “poden ser obrigados” a coller unha denuncia en galego. E a resposta, claro, é que non.

Na súa análise deste caso, recorren á constitución española para argumentar que o castelán é a “lingua oficial en todo o Estado” e que todos os españois teñen o deber de sabela. Apuntan aquí á condición de avogada de Quintas para sinalar que por ter este título debe de ter “un alto nivel de coñecemento do castelán”. Entón por que a denuncia en galego? Este dixital feito por axentes sinala a “posíbeis fins tendenciosos”.

Alegan que a ningún opositor a Policía ou Garda Civil se lle exixe saber galego, nin aos axentes se lles exixe coñecer idiomas cooficiais para ser destinados aos territorios onde estes se falan, así como que os sistemas informáticos empregados para a tramitación deste tipo de documentos están en castelán.

E engaden outro curioso argumento a maiores: “o feito de coller unha denuncia en galego podería entorpecer gravemente a investigación” sobre os feitos denunciados

Como actuar?

Os axentes que escriben e dirixen este diario explican aos seus compañeiros e compañeiras que “non están obrigados a coller unha denuncia en ningún outro idioma que non sexa o castelán”. Iso si, engaden, “debe expor ao cidadán as opcións viábeis para poder expoñer os feitos na forma e modo que desexe”.

Así que se o denunciante teima en facelo en galego, pois “como opción prioritaria e máis rápida, sobre todo en casos de insistencia desmesurada ou teimosía,  débense suxerir o método tradicional de papel e bolígrafo. O denunciante identifícase e manifesta a través dun escrito o seu problema entregando copia debidamente rexistrada ao axente”.

Outra opción, sinalan, “é solicitar a asistencia dun interprete”. Ou recomendar que denunce ante a policía local ou a policia nacional adscrita á comunidade galega, pois estes “si estarían obrigados a recoller a denuncia en galego ao depender as súas funcións da devandita comunidade”.

“Insistencia desmesurada”

En caso de “insistencia ou teimosía desmesurada” débese informar o denunciante que ten á súa disposición follas de reclamacións.

E se se recibe unha orde por parte dun superior de coller a denuncia en idioma cooficial?, Pois, retrucan, “neste caso o axente debe recorrer ao amparo dos seus dereitos como traballador acolléndose ao marco normativo do principio de igualdade e non discriminación nas relacións laborais, neste caso por razóns de lingua”.

É máis, afirman que o superior que dea devandita orde “mesmo podería incorrer nunha posible sanción segundo a Lei Orgánica 4/2010, do 20 de maio, do Réxime disciplinario do Corpo Nacional de Policía que contempla como falta moi grave “o incumprimento do deber de fidelidade á Constitución no exercicio das funcións” (lembremos o art. 3.1 da Constitución Española), ou o “abuso de atribucións que cause grave dano aos subordinados ou á Administración”..

“Escuros intereses políticos perfectamente orquestrados”

Por último H50 afirma que situacións como a denuncia de Quintas “non deixan de ser froito de escuros intereses políticos perfectamente orquestrados, cortexo das autoridades estatais coas forzas nacionalistas ou procura dunha simple publicidade gratuíta que vulnera os principios básicos legais e morais, tanto da institución de ámbito nacional como dos propios funcionarios do Estado que a integran”..

comentarios