Álvaro Queipo, da Veiga, na comarca de Eo-Navia, falou en galego (“galego-asturiano” como el indica) no Parlamento de Asturies e a intervención desatou a polémica, non polo que dixo ou deixou de dicir senón polo idioma en que o fixo.
Desde Vox queixáronse e protestaron polo uso do galego na Cámara asturiana por parte deste deputado do PP. Unha queixa que semella que non foi en balde. O propio presidente do Parlamento de Asturies, do PSOE, Marcelino Marcos, pediu o parlamentar popular que na Cámara fale de maneira “que todos o entendan”.
A polémica proseguiu porque unha deputada de Unidas Podemos, Nuria Rodríguez, tamén interveu en galego-asturiano. Neses momentos xa non estaba presente o deputado de Vox que protestou (Ignacio Blanco) mais si a súa compañeira Sara Álvarez, á que Rodríguez preguntou ironicamente se agora a entendía.
Deputados de Esquerda Unida de Asturies como Ovidio Zapico, e do PSOE, como lba Núñez, solidarizáronse co parlamentar do PP que usou o galego.
Tamén desde A Mesa agradeceron o xesto de Álvaro Queipo “por usar e defender o uso do galego, na variante oriental propia das Terras de Eo-Navia, no Parlamento de Asturias”. Cómpre lembrar que en xaneiro de 2016 o Concello da Veiga declaraba oficial o galego.
O galego – tal e como lembra o portal lingua.gal- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturies: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión. O filólogo e membro da Real Academia Galega Henrique Costas apontaba en 2014 que entre o Eo e Navia asturiano había por volta de 40.000 galego-falantes.
Nestes anos houbo varias mobilizacións en Asturies nas que se pedía a oficialidade para o asturiano e o galego.asturiano.
Imaxe interior: Álvaro Almeida (Twitter)