Parques infantís para facer crianzas reivindicativas coa lingua e a cultura

O Concello de Redondela vén de estrear novos nomes para estes espazos de lecer do municipio. A Concellaría de Normalización Lingüística, que xestiona a propia alcaldesa Digna Rivas, lembra desta maneira a persoas importantes para a cultura galega como María Miramontes -ligada á editorial Nós- e o pintor Luís Seoane.

A alcaldesa Digna Rivas e o edil Alberto Álvarez presentan os novos nomes dos parques. (Foto: Nós Diario) #parque #galego #normalizaciónlingüísticas
photo_camera A alcaldesa Digna Rivas e o edil Alberto Álvarez presentan os novos nomes dos parques. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Redondela quere ensinar galego ás crianzas desde ben pequenas para que non esquezas as súas orixes. Ou polo menos é a sensación que dá a súa orixinal campaña para homenaxear persoeiros “comprometidos coa lingua e cultura galegas”.

A proposta do departamento de Normalización Lingüística, que depende da propia rexedora Digna Rivas, é achegar algúns datos culturais a nenas e nenos fornecéndoos naqueles lugares nos que van ser vistos como algo cotiá.

Así, Redondela vén de renomear dous parques infantís como María Miramontes e Luís Seoane. Desde o Executivo municipal explican que esta iniciativa quere “dar visibilidade aos homes e mulleres” que tiveron ese compromiso co idioma e a cultura propia do país.

Así, pouco a pouco as áreas infantís intentarán facer usuarias e usuarios máis reivindicativos e coñecedores da historia da Galiza e, polo de agora, ese reto comezou nos lugares de Cabeiro e Chapela.

Letras galegas todo o ano

A instalación situada fronte ao CEIP Porto Cabeiro chámase agora Luís Seoane, na honra do pintor e editor exiliado.

“Dende o outro lado do Atlántico levou adiante numerosas e importantes iniciativas a prol da cultura galega e puxo en marcha, xunto a Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas que sería o xermolo de Sargadelos”, explican desde o Concello.

Así o fan saber, dunha forma sinxela, cun cartel con retallos biográficos do creador. A mesma estratexia é a seguida no parque do Piñeiral do Creo, en Chapela, que foi dedicado a María Miramontes, compañeira de Ánxel Casal, editor da editorial Nós e alcalde de Compostela fusilado no 36.

“Cómpre salientar que María Miramontes foi esquecida durante moito tempo e o seu nome no se unía ao traballo da imprenta cando, na realidade, era ela a encargada de coser os libros xa que, de profesión, era costureira. Tralo asasinato do seu home, exiliouse a Arxentina”, inciden desde Redondela. Ademais, dáse a circunstancia de que está ao carón da Biblioteca Xela Arias.

Así, como ve oportuno a alcaldesa, as Letras Galegas non quedan limitadas a un só día e, Redondela, "como Concello pioneiro en normalización lingüística, ten a obriga de seguir sendo un exemplo".

Comentarios